Subas nos prezos dos becerros carniceiros e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra subas das cotizacións medias dos animais de cebo e do vacún maior. Baixan os prezos da recría tanto frisoa coma de cruce. Nova caída do valor do porcino e continúa estable o mercado do ovo

Subas nos prezos dos becerros carniceiros e no vacún maior en Silleda

Tenreiros de cebo nas instalacións da Central Agropecuaria de Galicia. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca rexistra este martes unha suba dos prezos medios de cotización dos tenreiros de cebo e do vacún maior, que afectou a case tódalas categorías. Na recría a tendencia foi á baixa, cunha redución dos prezos de referencia en boa parte das seccións, só coa excepción dos animais de cruce de máis idade, onde houbo subas das cotizacións medias.

Nas mesas de porcino volveu producirse unha baixada xeral tanto nos prezos dos porcos cebados coma dos leitóns. Mentres, o mercado do ovo mantense sen cambios.

Prezos do vacún

Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 49 euros, é dicir 5 euros menos que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 81 euros, o que supón 6 euros menos que na feira pasada. Os machos de máis de 50 días tiveron un prezo medio de 113 euros, cunha redución de 11 euros.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais, os tenreiros machos máis novos descontaron 39 euros e o prezo medio sitúase nos 237 euros. Mentres, nas femias houbo unha baixada mínima dun euro e cotízanse a 171 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días, rexistrouse unha redución dun euro e teñen un prezo medio de 323 euros. As femias quedaron nos 196 euros, logo de descontar 124 euros. Os animais de máis de 50 días foron a excepción. Nos machos o prezo de referencia foi de 520 euros, despois dunha suba de 16 euros. As femias incrementaron o seu valor en 34 euros, polo que se sitúan nos 380 euros.

Mentres, a tendencia foi á tamén á alza nos becerros de cebo. Os machos frisóns experimentaron unha suba de 125 euros, de xeito que acadan un prezo de referencia de 879 euros. As femias cotizáronse a 706 euros de media. Nos tenreiros de cruces industriais o valor medio foi de 1.186 euros, logo dunha suba de 25 euros. Nas becerras desta categoría, o prezo de referencia atópase nos 1.014 euros, ó producirse un incremento de 85 euros con respecto da última feira. Os machos de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.288 euros, é dicir 137 euros máis. As tenreiras desta raza foron a excepción, cunha baixada de 54 euros, ata situarse nun prezo medio de 1.040 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron unha suba do seu valor medio en 168 euros e acadan os 1.308 euros.

Tamén o vacún maior experimentou destacadas subas en boa parte das categorías. As vacas da extra incrementaron o seu valor en 192 euros con respecto da última feira e o seu prezo de referencia sitúase nos 2.210 euros. As vacas de primeira mantivéronse sen cambios, cun valor medio de 1.145 euros. Os exemplares de segunda cotizáronse a 740 euros, logo dunha suba de 26 euros. Nos animais de desfeito, o valor medio situouse nos 501 euros, polo que se incrementou en 69 euros en comparación coa última feira. Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia foron a excepción cunha baixada do prezo medio, que se sitúa agora nos 1.109 euros, 779 menos que a semana pasada.

Central_ vacun 29_08_2023

Baixadas no porcino

As mesas de cotizacións do porcino experimentaron esta semana baixadas nos prezos tanto do porco cebado como nos leitóns. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal descontaron 0,03 euros e quedan nos 1,95 e 1,925 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,5 euros tras unha baixada de 0,039 euros. Os animais de descarte descontaron 0,04 euros e cotízanse entre 1,29 e 1,35 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha baixada de 5 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 71 euros (cun prezo de 3,55 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 66 euros e cun prezo por quilo de 3,3 euros.

O mercado do ovo mantense esta semana sen cambios. Os ovos da XL teñen un prezo de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,59 euros, os da M cotízanse a 2,07 euros e os da S están en 1,82 euros a ducia. No prezo das galiñas de descarte semipesadas tampouco houbo cambios e cotízanse entre os 0,23 e os 0,31 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Central porcino 29_08_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información