Un cento de persoas, entre as que se atopaban boa parte dos produtores que venden alimentos na feira dominical de Melide, protestaron este domingo pola mañá na praza do Convento nunha concentración de protesta para esixir ao goberno municipal a reapertura inmediata do mercado labrego dos domingos, sempre baixo o cumprimento estrito dos protocolos marcados polas autoridades sanitarias de cara a evitar a expansión da Covid 19.
Con esta accción, convocada polo Sindicato Labrego Galego, quixeron protestar contra a decisión do Concello de Melide de prohibir o mercado de alimentos a causa da pandemia. Porén dende a organización agraria argumentan que “este mercado, por celebrarse ao aire libre, ten mellores condicións de seguridade para a compravenda de bens esenciais que non os espazos pechados”.
“A pesar diso, e en contra de toda lóxica, o concello decretou por terceira vez en menos de un ano o peche do mercado sen que houbese ningunha orde de autoridades sanitarias ou políticas que obrigase a facelo, e sen ningún estudo ou informe que indique que no mercado de alimentos labregos se teñan producido gromos ou contaxios de Covid-19”, engaden dende o SLG.
Na concentración desta mañá berráronse consignas como “Queremos mercar os grelos ás veciñas!” ou “Espazos labregos, espazos seguros!”. Posteriormente, deuse lectura a un manifesto no que se lle esixían catro demandas fundamentais ao executivo melidense:
1. Reapertura inmediata do mercado dominical de alimentos, reorganizándoo temporalmente coa distribución dos postos de venda en novos espazos que garantan as distancias e os protocolos sanitarios vixentes, tal e como indica o decreto 202/2020 do 3 de decembro.
2. Dotación de recursos materiais e humanos para garantir o cumprimento dos protocolos sanitarios anti-covid no mercado.
3. Recomendación a través de bandos, radio municipal e outros medios de difusión ao alcance do Concello de Melide, da opción de adquirir alimentos no mercado labrego como a máis segura na conxuntura actual.
4. Revisión das políticas municipais de cara a apoiar e reforzar este mercado, xa que con el se apoian a economía local, os proxectos agrogandeiros da bisbarra, o mantemento de postos de traballo, a creación de riqueza no rural ou o reforzamento da soberanía alimentaria.