“O que compromete o futuro do sector lácteo son as prácticas abusivas das industrias toleradas polas institucións”

O SLG responde á FENIL: "se as industrias lácteas queren futuro para o sector, que paguen prezos que cubran custos de produción e remuneren o traballo dos gandeiros e gandeiras"

A ración é elaborada a base de silo de millo e con fariña de millo e soia como materias primas do concentrado

A interpelación ás institucións públicas realizada fai uns días pola Federación Nacional de Industrias Lácteas (FeNIL) a través da presentación pública dun informe sobre o sector provocou a reacción do Sindicato Labrego Galego, que responde á entidade que aglutina ás industrias que son as súas “prácticas abusivas” as que “comprometen o futuro do sector lácteo”. 

“Son as industrias lácteas as que, como fixeron fai apenas un mes, poñen en marcha estratexias de presión contra as granxas acordando baixadas xeralizadas de prezos ou ameazando con ceses de recollida. Esta inestabilidade, beneficiosa para as industrias, acontece porque existe unha connivencia explícita por parte das institucións públicas responsables de regular esta situación”, denuncia o SLG.

Por unha banda, di o Sindicato Labrego, “a Xunta de Galicia segue negándose a proporcionar índices de custos de produción oficiais, de acceso público e puntualmente actualizados, dificultando que as gandeiras e gandeiros podan apoiarse en datos institucionais para negociar o prezo, ou o establecemento dun prezo mínimo a cumprir por lei que cubra custos de produción e remunere o traballo”.

O incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria ou a ausencia de índices oficiais de custos aceleran o peche das granxas galegas

Para o SLG, a Lei da Cadea Alimentaria, que prohibe a venda por embaixo de custos e establece prazos de negociación e renovación de contratos que as industrias non están respectando, “foi aprobada máis como unha estratexia para apaciguar ao sector e manter os privilexios das industrias lácteas que coa verdadeira vontade de garantir relacións comerciais xustas entre os distintos elos da cadea”. 

O peche de granxas beneficia á industria

O Sindicato Labrego lembra que datos recentes proporcionados polo LIGAL advirten de que, de seguir coa alza de custos de produción, as baixadas de prezo e o “abandono institucional”, no 2025 “só haberá 5.000 granxas de leite”, coa perda engadida de arredor de 1.000 granxas máis nos dous anos seguintes. “Esta situación favorece ás industrias, xa que ao ter que negociar cun número menor de proveedores ten máis forza para impor prezos, e vai na liña das políticas neoliberais que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno do Estado están a aplicar ao sector produtor de alimentos”, argumentan. 

Ao ter que negociar cun número menor de proveedores a industria ten máis forza para impor prezos

O SLG pide á FeNIL que aclare por que, malia que Galicia concentra o 40% da produción láctea do Estado, segue sendo a que ten un prezo máis baixo de todas as comunidades autónomas, por detrás das Baleares. “Se a FENIL está realmente preocupada polo subministro debería deixar de castigar ao territorio que máis produce en todo o Estado”, argumenta o sindicato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información