Como manexar as terras da ribeira de regatos e ríos para evitar sancións?

Repasamos a normativa aplicable ó manexo agrícola e ás rozas e cortas á beira de cauces fluviais, pois a xestión das marxes é foco periódico de multas e requerimentos no agro

Como manexar as terras da ribeira de regatos e ríos para evitar sancións?

Denuncia dos axentes ambientais pola roza de vexetación de ribeira nun regato. / Imaxe: Aprafoga.

Pódese traballar unha finca ata a beira dun regato?, é posible rozar unha silveira que está ao pé dun cauce fluvial?, pódense cortar ameneiros ou salgueiros nas marxes dun río?. Todas estas prácticas convertéronse nos últimos anos nun foco recurrente de conflictividade no agro, con periódicas sancións ou requerimentos a gandeiros e agricultores. Tras consultar con Augas de Galicia, repasamos a normativa que se debe respetar para evitar problemas.

A cuestión é que todo cauce fluvial, lagoa ou encoro está suxeito a un dominio público hidráulico que inclúe unha zona de servidume e unha zona de policía. A zona de servidume ten unha anchura de 5 metros de uso público, a contar desde o punto de máxima crecida das augas, mentres que a zona de policía abarca 100 metros de ancho.

Nas zonas de servidume, hai unha maior restricción da actividade, cunha lexislación que busca a protección dos ecosistemas fluviais e a facilitación do paso peonil público. Boa parte das actuacións en zona de servidume requerirán de autorizacións ou da presentación dunha declaración responsable. Detallamos a continuación caso por caso.

Rozas de mato

O Decreto 1/2015, que regula a planificación en materia de augas, establece que a roza de mato na zona de servidume é un traballo menor de mantemento, sempre e cando non implique a corta de árbores. Para a execución de rozas, Augas de Galicia, que xestiona a demarcación hidrográfica de Galicia Costa, require a presentación dunha declaración responsable, que haberá que entregar cando menos 15 días antes da execución dos traballos.

Se non houbese indicación en contra, poderase realizar o traballo. Augas de Galicia precisa tamén que nas limpezas haberá que empregar medios mecánicos lixeiros.

Recente denuncia dos axentes ambientais por unha roza de mato á beira dun regato.

Recente denuncia dos axentes ambientais por unha roza de mato á beira dun regato.

Quedan excluídas desta declaración responsable as zonas ubicadas en espacios naturais protexidos (Rede Natura, Parques naturais), onde sempre haberá que solicitar unha autorización. Tamén será preciso solicitar unha autorización nas zonas administradas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (Ourense, centro e sur de Lugo, sureste de Pontevedra), así como naqueles puntos da zona noreste da comunidade controladas pola Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

Pódense consultar as instrucións das Confederacións Hidrográficas para actividades agrícolas e forestais neste documento, onde se precisa que o prazo de resolución das solicitudes é de seis meses, pero se pasado ese prazo non houbese comunicación, en ningún caso se entenderá como aprobada por silencio administrativo.

Podas e retirada de árbores mortas no cauce

A retirada de árbores mortas que obstrúan o cauce é considerada por Augas de Galicia tamén como unha actuación menor, pero esixe igualmente a presentación dunha declaración responsable. Do mesmo xeito, o organismo autoriza cunha declaración responsable a poda de pólas de árbores de ribeira, sempre e cando poidan afectar ó cauce ou dificulten a servidume de paso.

Non está permitida, en cambio, a retirada de tocóns vellos, pois poderíase facilitar a erosión ou provocar un arrastre de terras ó cauce fluvial.

Cortas e plantacións de árbores

Con carácter xeral, os aproveitamentos forestais en zona de servidume están vetados, en tanto a corta puntual de árbores precisa dunha autorización previa do organismo de conca, ben de Augas de Galicia, ben da Confederación Hidrográfica correspondente.

As plantacións de árbores precisarán tamén de autorización previa. Permítense de xeito puntual, sempre que non deterioren o ecosistema fluvial.

Laboreo e sega de terras agrarias

O reglamento público hidráulico establece que os propietarios das zonas de servidume “poderán libremente sementar e plantar especies non arbóreas, sempre que non deterioren o ecosistema fluvial ou impidan a servidume de paso”.

O manexo agrario das terras de ribeira está, por tanto, permitido. Respecto á sega de herba ata a beira dos cauces, non hai prohibición. A única indicación ao respecto corresponde a unha recomendación do Código de Boas Prácticas Agrarias de Galicia, que aconsella manter as marxes das ribeiras con herba.

Aplicación de xurros, abonos ou fitosanitarios

Augas de Galicia interpreta que non está permitida a aplicación de xurros, abonos nin fitosanitarios na zona de servidume dos cauces fluviais, é dicir, nunha franxa de 5 metros desde a ribeira.

O organismo sinala que a aplicación de xurros e nutrientes debe facerse respetando á normativa vixente relativa á protección das augas contra a contaminación de nitratos agrarios (Real decreto 261/1996). Recomenda asimesmo seguir as pautas do Código galego de boas prácticas agrarias. O cumprimento do Código é voluntario, pero Augas de Galicia precisa que dada a súa posible incidencia na Lei de Augas (Lei 29/85) e no Regulamento do dominio público hidráulico, é aconsellable a súa posta en práctica.

En relación á aplicación de xurros e abonos, o Código galego recomenda deixar unha franxa de entre 2 e 10 metros sen fertilizar xunto a tódolos cursos de auga. De cara a reducir o risco de contaminar augas subterráneos, os xurros deberán gardar con pozos, fontes ou perforacións que suministren auga unha distancia mínima de 35 – 50 metros.

O caso do requerimento de Augas de Galicia para plantar freixos e ameneiros

Gandeiros de distintos concellos da provincia da Coruña, como Mazaricos, Santa Comba ou Rois, recibiron o pasado ano requerimentos de Augas de Galicia para plantar freixos e ameneiros na zona de servidume de cauces fluviais, de xeito que os 5 metros da zona de servidume quedasen sen actividade agraria. O caso foi daquela criticado por Unións Agrarias, que advertira de que ningunha normativa impide labores como a sega da herba ata o borde de regatos e ríos.

Os funcionarios de Augas de Galicia que emitiron os requerimentos entendían que a actividade agraria na zona de servidume podía provocar o arrastre de terras tratadas con fitosanitarios ós cauces fluviais. É unha interpretación que se cuestiona desde Unións Agrarias, que recurriu caso por caso os requerimentos dos que tivo constancia.

“A aparición de árbores nas ribeiras é normalmente consecuencia do abandono. Pódese comprobar na evolución dos mapas do Sixpac” (Óscar Pose)

“En Galicia, a herba dos prados sempre se aproveitou ata a beira dos cauces fluviais” -defende Óscar Pose, de Unións Agrarias.- É unha práctica tradicional que está permitida. Calquera que mire no Sixpac a evolución das terras agrarias co paso dos anos, pode comprobar como nas ribeiras onde agora non hai árbores, xa non existían hai décadas. É máis, a aparición de árbores é normalmente consecuencia do abandono”, sinala.

Sobre os requerimentos que Augas de Galicia lle trasladou a gandeiros dalgunhas comarcas da provincia da Coruña, Pose sinala que foron recurridos, pois cre que non hai normativa que ampare eses requerimentos. “O cambio que planteaba Augas de Galicia era incluso un cambio ilegal de uso agrícola a forestal, que non está permitido pola lexislación”, cuestiona.

Una idea sobre “Como manexar as terras da ribeira de regatos e ríos para evitar sancións?

  1. Xosé

    Complexo o tema lexislativo. A mezcla das zonas de influencia dunha zona hidraúlica, en zona de servidume e zona de policía, fai complexo o entendemento.

    Poderíase plantar hortalizas na zona de policía sen pedir autorización ou declaración responsable a Augas de Galicia?

    Poderíase fresar o terreo na zona de policía sen pedir autorización ou declaración responsable a Augas de Galicia?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información