Como lograr que o silo de millo produza máis litros de leite?

Aproximámonos ao comezo do ensilado do millo forraxeiro, e dependendo de como se faga lograremos unha maior ou menor dixestibilidade desta forraxe. Ángel Ávila, experto consultor para gandarías de vacún de leite, ofreceu unhas recomendacións na xornada Dekalb+Silo celebrada este ano en Santiago de Compostela. Son estas...

Como lograr que o silo de millo produza máis litros de leite?

Ensilado do millo no centro de mestura húmida da cooperativa AIRA en Sarria

En breve comezará en Galicia a campaña de ensilado do millo, a principal forraxe das gandarías de vacún de leite, e dependendo de como o fagamos (altura de corte das plantas, picado dos grans de millo e do resto da planta), así como de cando empecemos o silo, teremos maior ou menor dixestibilidade do mesmo, ou o que é o mesmo, as vacas producirán máis ou menos leite, algo crucial para a rendibilidade dunha granxa.

Para coñecer cales son as claves para medir e mellorar a dixestibilidade do silo de millo, a xornada Dekalb+Silo, contou co relatorio de Ángel Ávila, experto consultor para gandarías de vacún de leite.

Como regra xeral, subliñou que “os silos con menos materia seca e menos almidón teñen moita máis dixestibilidade e máis produción de leite, e por tanto debemos buscar silos moi dixestibles tanto en almidón como en fibra”.

Como exemplo, puxo dous silos de millo: Un no que o millo ensilouse máis seco, cun 42% de materia seca e un 39% de almidón, e outro no que o millo se cortou máis verde, cun 30% de almidón e un 30% de materia seca. As analíticas concluíron que no primeiro a dixestibilidade da fibra neutro deterxente materia orgánica (aFNDmo) ás 30 horas de ser inxerido pola vaca era do 56,62% e no caso do almidón ás 7 horas do 77,76%, mentres que no segundo a dixestibilidade incrementouse até o 72,95% e 85,41%, respectivamente. “Isto é moi importante en termos económicos porque toda a fibra e almidón do silo de millo que a vaca non dixire vai á fosa de xurro”, advertiu Ángel Ávila.

ANGEL AVILA 1

Neste sentido, recomendou 5 vías posibles para mellorar e medir a dixestibilidade do almidón do silo de millo por parte do gandeiro ou técnico:

1)Proba de flotación en colleita fresca (grao de picado):

Consiste en avaliar a calidade do picado do millo cando se está realizando dunha forma rápida e sinxela.

-1. Para iso necesitamos un recipiente – un cubo ou unha xerra- cun litro de auga aproximadamente. Verteremos na auga un litro aproximado de ensilado fresco de millo.

-2. Axite o contido e espere aproximadamente dous minutos.

-3. Os grans precipitan cara ao fondo do balde..

-4. Na superficie do balde quedarán todos os elementos fibrosos (follas e talos).

-5. Remova todos os compoñentes que se atopan flotando e verifique o precipitado (atopará todos os grans no fondo).

-6. Se no contido hai entre 0 e 2 grans enteiros o picado é ideal.

-7. Se hai entre 2 e 4 sería un picado adecuado.

-8- Se hai máis de 4 grans de millo enteiros o picado non é o axeitado e habería que regular a picadora.

-9. Mentres máis curto se pique o millo, maior cantidade de grans serán crebados e moídos, e por tanto maior será a dixestibilidade do silo.

Esta análise debemos repetila varias veces o día do picado.

ANGEL AVILA 2 rotura gran de millo

2)Score de procesamento do gran de millo (Kernel Processing Score ou KPS):

Outro sistema de medir in situ a calidade do picado do millo é mediante o sistema KPS, polas súas siglas en inglés. Consiste en medir o almidón do silo de millo ensilado que pasa a través dun tamiz de 4,75 milímetros.

-Se pasa máis do 70% a calidade do picado é óptima.

-Se pasa entre o 50 e o 70% sería un procesado adecuado.

-Se pasa menos dun 50% sería un picado inadecuado, con moitos grans sen romper ou de forma grosa.

A este respecto, Ángel Ávila expuxo que segundo en estudo realizado en 5292 gandarías de Estados Unidos, soamente un 31% rexistraron un procesado óptimo do millo, nun 57% era adecuado e nun 12% deficiente.

“A calidade do picado é determinante, pois canto peor sexa o índice KPS de procesamento do gran, maior é a porcentaxe de almidón fecal, que a vaca excreta sen dixerir e que acaba na fosa de xurro”, subliñou.

ANGEL AVILA 4 picado millo

3) Altura de corte da planta:

A altura de corte é outro parámetro que inflúe de forma decisiva na dixestibilidade do silo de millo e que podemos controlar durante o picado. “A parte inferior do millo é lignina pouco dixestible, terra e fungos que nos causarán problemas no silo. A altura de corte debería ser dun mínimo de 39 centímetros”, defendeu Ángel Ávila.

O experto puxo como exemplo un estudo no que se comparou un silo de millo no que a planta se cortou a 17 centímetros do chan e outro no que se fixo a 39 centímetros: A porcentaxe de almidón pasou do 30,6% ao 32,4%; a fibra dixestible do 50,5 ao 54% e o leite producido coa mesma ración pasou de 45,2 a 46,7 litros diarios. “Estes datos extrapolados a unha gandaría de 100 vacas en muxido serían uns 30.000 euros máis ao ano”, subliñou.

ANGEL AVILA 5 ALTURA DE CORTE millo

4) Cribado de feces e determinación de almidón en feces.

A cantidade de almidón nunha mostra fecal está altamente relacionada coa dixestibilidad total do almidón.

Neste sentido, Ángel Ávila lembrou que varios estudos publicados teñen atopado unha correlación entre o almidón fecal e a dixestibilidade do almidón en silo de entre o 73 e o 94%, dependendo do marcador interno utilizado no estudo.

Así, un estudo na Universidade de Pennsylvania (Estados Unidos) atopou que cada aumento de 1 punto porcentual na unidade de almidón fecal era equivalente a 0,34 quilogramos de produción de leite perdido.

Como mostra o impacto económico que supón, pasar do 2 ao 5% de almidón fecal nun rabaño de 100 vacas en muxido supón unha perda económica duns 165 quilos de leite, é dicir, uns 90 euros diarios menos. “O obxectivo é que a porcentaxe de almidón fecal sexa inferior ao 4,5%”, destacou.

5) Momento de apertura do silo

O almidón do silo de millo incrementa a súa dixestibilidade co tempo. Como norma xeral, Ángel Ávila recomendou que os silos non se abran antes de marzo.

E é que a dixestibilidade -e por tanto a produción de leite por KG de materia seca inxerida pola vaca- varía notablemente entre en silo de millo de 2 meses e un de 1 ano: A dixestibilidade do almidón ao pouco de ser inxerido pasa do 26 ao 49% e ás 7 horas increméntase dun 77 a un 91%.

ANGEL AVILA 6 MOMENTO apertura silo millo

Canto máis dixestible sexa o silo de millo, menos concentrado e maior rendibilidade

O incremento da dixestibilidade do almidón do silo de millo tamén redunda nunha menor necesidade de fariña de millo na ración, co consecuente aforro en custos de alimentación.

Así, Ángel Ávila tamén fixo referencia a un estudo da Universidade de Wisconsin que mostra que a mellora da dixestibilidade total do almidón en tracto dixestivo en só 5 puntos reduce a alimentación suplementaria de fariña de millo en 0,7 quilogramos diarios, ou o que é o mesmo, 0,245 euros por vaca menos ao día en custos de alimentación. Trasladado a un rabaño de 100 vacas en muxido representa un aforro de 8942 euros, ao que habería que sumar un retorno na produción de leite perdido ao excretarse menos almidón en feces, uns 20.000 euros ao ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información