A Fundación Oso Pardo ven de publicar en Youtube un vídeo cun titorial detallado sobre a instalación e mantemento de cercados eléctricos. O obxectivo é previr ataques de oso pardo aos apiarios. A Fundación Oso Pardo segue así a súa ardua tarefa de divulgar o coñecemento sobre estes e outros sistemas de prevención para fomentar a convivencia sá entre apicultores e fauna salvaxe.
O vídeo produciuse no marco do proxecto recentemente finalizado, LIFE Oso Courel “Actuacións para favorecer a expansión do oso pardo a novos territorios na Serra do Courel” que foi desenvolvido baixo a coordinación da Fundación Oso Pardo desde xullo 2017 e ata decembro 2020, xunto coa Xunta de Galicia e Asociación Galega de Custodia do Territorio como beneficiarios asociados.