Como aforrar e á vez tratar eficazmente a mastite?

Os estreptococos están entre os patóxenos máis frecuentes nalgúns cultivos de mastite clínica. Deixando a un lado os gram-negativos e tratando infeccións seleccionadas de gram-positivos pódense obter os mesmos resultados

Como aforrar e á vez tratar eficazmente a mastite?

O tratamento selectivo é posible a través de análises de cultivo

A mastite clínica é unha enfermidade común tratada con antibióticos. O veterinario e asesor en Dairy Experts, Alfonso Lago, estableceu unha liña de investigación en torno á aplicación eficaz dun tratamento selectivo por cultivo desta enfermidade. A partir de diversos estudos de caso observou que o uso eficaz de medicamentos está vencellado ao tratamento dos gram-positivos, concretamente aos estreptococos. Deste xeito, as ganderías poden reducir gastos obtendo as mesmas taxas de curación.

Claves para un correcto tratamento

O tratamento selectivo da mastite clínica é un programa que “inclúe tratar ou non tratar, inclúe retrasar o tratamento, inclúe tomar a decisión de tratamento baseada en resultados de cultivo, etc.”, explicou Alfonso Lago. O cultivo en granxa é fundamental para obter resultados que permitan unha selección efectiva, e así mesmo, ter en conta o cambio na etioloxía da mastite clínica.

Na súa traxectoria de investigación percibiu que as bacterias gram-negativas eran os patóxenos máis frecuentes, e fixo referencia ao estudo de Peter Erskine (1992) no que se amosa que “en moitos casos a detección da mastite ocorre despois de que a bacteria se eliminara”. Deste xeito, Lago contrapuxo a curación bacteriolóxica fronte á curación clínica para abordar a eficacia do tratamento.

Alfonso Lago fixo alusión a diferentes estudos de caso nos que, a aplicación de diferentes antibióticos en diversos rabaños deixa uns índices de curación bacteriolóxica ou clínica semellantes nas vacas que recibiron o tratamento e na que non o recibiron; fenómeno que cuestiona a eficacia da aplicación do mesmo. Por exemplo, na investigación de Guterbock no 1993 observouse que, “de 94 casos de mastite en 3 rabaños diferentes, tratados con amoxicilina, a curación bacteriolóxica sen tratamento é do 57% mentres que co uso de antibiótico é do 38%; sen embargo, a curación clínica é do 63% e do 68%, respectivamente”, detallou Lago.

Observando estes resultados, o asesor de Dairy Experts estableceu unha hipótese de estudo de que “o tratamento selectivo da mastite clínica na granxa quizais reduza os costes de tratamento e traia un uso máis razoable de antibióticos sen afectar á saúde e produción das vacas”. Para probala, o equipo de traballo de Lago procedeu a un estudo de casos en diversas zonas de Estados Unidos.

A metodoloxía de caso aplicada foi a selección de 8 granxas e unhas 470 vacas con mastite leve ou moderada, segregando a mostra en casos de control e de cultivo. Aqueles asignados a control recibiron dúas doses de cefaperina sódica, mentres que, coas reses do outro grupo, procedeuse realizando un cultivo, das cales se trataron ao día seguinte, as infectadas con gram-positivo ou infeccións mixtas, deixando as vacas de casos sen crecemento ou de gram-negativos sen tratamento.

“No grupo que se aplicou unha selección tan só se trataron o 44% das vacas e dos cuarteiróns fronte ao 100% do colectivo de control”, comentou Lago. Os resultados en canto a días de curación clínica, isto é, “cando a leite volve a ser normal”, “non houbo diferencias entre ambas mostras, ao igual que sucedeu cos días de descarte de leite, onde incluso pode ser levemente menor no tratamento baseado en cultivo”, detallou o asesor de Dairy Experts. En canto a curación bacteriolóxica tamén foi menor na mostra de cultivo, mentres que a recorrencia da mastite, o número de células somáticas, ou a produción de leite evolucionaron sen diferencias.

Noutro estudo de caso, Alfonso Lago foi afinando máis coa intención de responder a ‘que é o que en realidade se debe tratar’. O asesor fixo referencia a outros estudos nos que se reflexa que “os coliformes e os estafilococos coagulasa positivos teñen unha taxa de autoeliminación ou autocuración alta, mentres que a taxa de recaídas e aparicións de estreptococos ambientais é alta”, detallou Lago.

Desta maneira, no 2015 procedeu a aplicar un tratamento selectivo en 276 casos de mastite clínica, nos cales, o nivel de estreptococos era do 22%. Os resultados da mostra de cultivo estudada revelaron que tratando só estes patóxenos “non só se reduciu os usos de antibióticos en dous terzos sen sacrificar a eficacia do tratamento, senón que ademais, reducíronse os días de descarte do leite, a recorrencia de mastite clínica, e rexistrouse unha tendencia a reducir a eliminación”, explicou Alfonso Lago.


A importancia dun correcto secado

 Na súa intervención no ‘2022 National Mastitis Council Annual Meeting’, Maristela Rovai, médico veterinario e profesora asistente na South Dakota State University, fixo fincapé nas fases de lactancia dunha vaca, e así mesmo, na importancia do período seco como método de recuperación para o inicio do seguinte período.

Un dos obxectivos do período seco é “reemplazar as células epiteliales vellas no tecido secretor da ubre, fundamental se se pretende maximizar a produción na seguinte lactación”, especificou Rovai. Así mesmo, a terapia de secado ten un papel fundamental na reducción da prevalencia de mastite, posto que “no principio deste período hai un aumento das infeccións intramamarias”, ampliou Rovai.

A pesar de que o secado tradicional é de 55 días, a médico veterinario referenciou aos últimos estudos de Bachman, Gulay e Annen nos que se confirmou que con 30d era suficiente. Rovai concluíu que “a medida que aumenta o número de lactación, requírense menos días de secado para maximizar a produción de leite durante a seguinte lactación”, engadindo resultados semellantes para a aplicación de secados en ambas duracións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información