A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe), conformada por 1400 veterinarios especialistas en gando bovino, será a encargada de organizar o 31º Congreso Mundial de Buiatría (WBC polas súas siglas en inglés), que contará con intervencións de expoñentes e profesionais do sector. Terá lugar no Palacio de Congresos de Ifema en Madrid entre o vindeiro 4 e 8 de setembro, dándolle o relevo a Tokio como país anfitrión dos últimos anos. O programa está dispoñible neste enlace.
Este evento congregará aos maiores especialistas en buiatría a nivel mundial, e albergará máis de 1000 intervencións que tratarán temas relacionados coa labor dos veterinarios rumiantes. Así mesmo, daranse a coñecer as últimas novidades e investigacións científicas a nivel internacional. Neste sentido, o presidente da Anembe, Joaquín Sanz, afirma que “desde o comité organizador quixeron impregnar o WBC co estilo que a nosa asociación foi aportando nos últimos anos aos seus congresos e algunhas experiencias novidosas”.
É por iso que, ademais dun completo programa científico con 25 temas de diferentes especialidades da veterinaria bovina, ovina, de camélidos e alpacas, e dos expoñentes do momento en cada un dos temas principais, organizaranse mesas redondas cas catro mellores presentacións e cos dous poñentes principais para cada xornada. A intención é xerar interacción coas persoas expertas seleccionadas sobre os aspectos máis relevantes de cada unha das súas exposicións.
Ao final de cada xornada científica levarase a cabo unha sección denominada ‘Vip Presentation’, aberta á sociedade en xeral e á que poderá asistir calquera persoa rexistrada previamente. Nela abordaranse temas de actualidade vencellados á labor do veterinario de granxa, tales como a importancia dunha nutrición completa, a redución de emisións de metano por medio da eficiencia produtiva, ou a importancia da gandería para evitar o despoboamento do rural e aumentar a limpeza dos montes.
Nas presentacións contarase coa presencia de personaxes mediáticos como o veterinario estadounidense Dr. Jan Pol, protagonista da serie emitida por National Geografic Wild, ‘The Incredible Dr. Pol’; con Odile Rodríguez, bióloga e divulgadora científica, ou co filósofo e escritor Fernando Savater. Ademais, no transcurso do Congreso entregaranse unha serie de premios entre os que destaca o ‘Premio ao Logro do Benestar de Rumiantes’, dotado con 10.000 euros, co cal se recoñecerá o mellor traballo nesta materia.