O matadoiro móbil de ovellas, cabras e porcos ultima a súa posta en marcha

Os prezos do servizo oscilarán entre os 10 e os 25 euros no caso do ovino e caprino, e entre os 40 e 50 euros no caso do porcino

O matadoiro móbil de ovellas, cabras e porcos ultima a súa posta en marcha

A posta en marcha dun servizo de matadoiro móbil en Galicia, unha instalación da que xa se vén falando desde o 2018, ultima pasos para a súa posta en marcha. Logo de que Medio Rural acordara en decembro pasado encomendarlle á firma Tragsatec a xestión do servizo, por un importe de máis de 700.000 euros para o primeiro ano, esta semana, a Consellería de Sanidade creou dous novos postos de traballo para a inspección veterinaria no matadoiro móbil.

Medio Rural tiña a previsión de que o matadoiro comezara a funcionar nos primeiros meses do 2023, se ben os trámites están a alongarse máis do previsto nun inicio.

O matadoiro móbil estará dotado de área de sacrificio, zona de despece e cámara frigorífica con capacidade para 80 animais, que é a previsión de sacrificio diario. No exterior, disporá tamén dun corral con valla móbil para a inspección veterinaria dos animais antes do seu sacrificio.

Os prezos a cobrar polo servizo oscilan entre os 10 e os 25 euros no caso do ovino e caprino: por sacrificio e maquila,10 euros para cordeiros e cabritos menores dun ano e 15 euros para os maiores dun ano; por sacrificio, maquila e almacenamento, 15 euros para os menores dun ano e 20 para os maiores; e se se quere transporte a un punto de distribución, son 20 e 25 euros respectivamente.

En porcino, os prezos son de 40 por sacrificio e maquila, 45 se se inclúe almacenamento en cámara e 50 con transporte a punto de distribución.

Reducir os sacrificios irregulares
Con este sistema, a Xunta busca reducir os sacrificios irregulares de animais, pois o sector do ovino – caprino calcula que arredor dun 70% dos sacrificios prodúcense de xeito irregular, sen levar os animais ó matadoiro. Para as granxas, o problema non é tanto o custo do servizo en si, como o de sumarlle o desprazamento repetitivo de animais ós matadoiros.

O matadoiro móbil pode reducir o problema dos desprazamentos en parte, pois terá rutas polas distintas comarcas de interese, principalmente nas provincias de Lugo e Ourense, pero está por ver se pasa coa frecuencia suficiente para darlle un servizo bo ás granxas.

O problema é que as ganderías teñen unha alta dispersión de sacrificios ó longo do ano, polo que, sobre todo nas granxas máis profesionais e de maior dimensión, precisarían dun servizo áxil con frecuencia suficiente. Se non o teñen, seguirán co mesmo problema. Distinto é o caso das ganderías de autoconsumo ou con poucos sacrificios ó longo do ano, pois neses casos o matadoiro móbil podería cubrir boa parte das súas necesidades.

Quedan por concretar as rutas coas que comeza a traballar o matadoiro e tamén o volume de solicitudes de uso que ten. En principio, a idea é que funcione a modo dunha Itv móbil, traballando con cita previa.

A cuestión dos sacrificios en granxa
No sector produtor, vense avogando desde hai anos por complementar a fórmula do matadoiro móbil coa autorización dos sacrificios en granxa. É unha posibilidade que permite a UE e xa houbo unha experiencia piloto en Cataluña. As granxas terían que habilitar as instalacións e cámaras frigoríficas pertinentes, un investimento que podería ser interesante, con apoio de plans de mellora, no caso das ganderías máis profesionais.

En países como Dinamarca, os sacrificios en granxa son xa unha realidade, pero en España polo de agora ningunha Administración apostou polo seu impulso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información