En Galicia, a tuberculose bovina considérase controlada, cunha prevalencia do 0,1 %. Pero cando se detecta un caso, declárase o baleirado sanitario da correspondente granxa, unha situación “dura para as ganderías afectadas” -valora o Sindicato Labrego-, que apunta o impacto económico e emocional desta medida, que leva ó sacrificio de todo o rabaño. A organización agraria suxire concretar alternativas para Galicia.
Cando se produce un destes casos, algunhas comunidades autónomas adoptaron medidas profilácticas para as explotacións, ao considerar que era imposible erradicar a tuberculose bovina, explica o Sindicato Labrego en nota de prensa. Así, prefiren manter unha cualificación sanitaria inferior para esas granxas e elimínanse tan só os animais afectados, evitando así a morte dos animais sans. Isto provoca unha perda económica menos gravosa. A Xunta de Galicia, pola súa banda, malia ser consciente de que non existe a total eliminación da doenza da tuberculose, ordena un baleirado sanitario”, destacan dende o Sindicato.
Granxa de Manzaneda
Dende o Sindicato exemplifican cun caso dunha granxa de Manzaneda, que nestes días están a sufrir esta situación. “Toda a ilusión e os aforros dunha vida invertidos nunha explotación de vacún de carne de alto rendemento esvaécense nun abrir e pechar de ollos”, cuestiona a organización agraria.
O cálculo dun baleirado sanitario de toda a explotación supón un prexuízo económico importante, estimándose unhas perdas de 800 euros por cada animal sacrificado. No caso desta granxa de Manzaneda ascenderán a uns 32.000 euros, e as axudas prometidas “non cobren a perda total da explotación” -valora a organización, sendo a eliminación de todo o gando da explotación de obrigado cumprimento.
A organización agraria engade que ao mesmo tempo, as persoas titulares das granxas deben de ocuparse elas soas de repoñer animais con cualificación sanitaria apta, volvendo a adaptar os animais novos ao manexo da granxa, e logo agardar unha media de 2 anos para ter a explotación a pleno rendemento.
Este tipo de situacións, subliña o SLG, contribúe a incrementar o abandono da actividade agrogandeira e desalenta o relevo xeracional.