Carnet de fitosanitarios: a empresa que imparte os cursos online en León cumpre a normativa

Así o confirman as consellerías de agricultura de Galicia e de Castela e León. A organización Asaja denunciara irregularidades por parte da empresa Rabcor nestes cursos, aos que acoden centos de cidadáns galegos

Publicidade
Carnet de fitosanitarios: a empresa que imparte os cursos online en León cumpre a normativa

Dende o mes de novembro non se poden mercar fitosanitarios de uso profesional sen carnet

A empresa Rabcor 2014 SL, que imparte os cursos para a obtención do carné de aplicador de produtos fitosanitarios na modalidade online cumpre a normativa, segundo aseguran as consellerías de agricultura tanto de Galicia como de Castela e León.

Esta empresa, que está autorizada na comunidade castelá-leonesa, imparte a parte presencial dos cursos durante o fin de semana tanto no Bierzo como en Zamora. Debido a que a Consellería do Medio Rural non autorizara ata o mes pasado impartir en Galicia estes cursos na modalidade online, son centos os agricultores galegos que cada fin de semana desprázanse ata León ou Zamora para sacar o carnet de fitosanitarios con Rabcor 2014 SL.

Sen embargo, o pasado día 11 o sindicato Asaja-León denunciou supostas “irregularidades” por parte desta empresa. En concreto o secretario provincial da organización agraria, José Antonio Turrado, asegurou que estes cursos impártense sen que exista control por parte da Administración autonómica de que realmente se imparte a formación online e que as prácticas “parte obrigatoriamente presencial” organízanse en fin de semana «para eludir as posibles inspeccións».

A Junta de Castilla y León di que a empresa “cumpre os requisitos establecidos”

Porén, desde a Consellería de Agricultura e Gandería da Junta de Castilla y León, aseguran a Campo Galego que entre as máis de 100 entidades de formación recoñecidas na Comunidade para poder impartir formación presencial e a distancia “está recoñecida RABCOR 2014 S.L., xa que cumpre cos requisitos establecidos na normativa nacional e de Junta de Castilla y León”.

En canto ás inspeccións, desde a Consellería destacan que “realízase unha importante labor de inspección dos cursos que en moitas ocasións chega ao 80-90% das edicións”. Iso si, recoñecen que “existiron denuncias que se están investigando”, sen precisar a empresa ou empresa denunciadas.

En canto aos cursos impartidos a cidadáns galegos, desde a consellería lembran que “Castela e León só expide os carnés daqueles solicitantes que teñan o seu domicilio postal na nosa comunidade autónoma; é dicir, para os alumnos con domicilio en Galicia o responsable de expedir o carné é a Xunta de Galicia”.

A Xunta de Galicia afirma que “o que si hai son protestas porque os cursos sexan en fins de semana”

E é que a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia é a administración que recibe os expedientes da academia Rabcor 2014 SL, e tras comprobar que cumpren a normativa, expide o carné de manipulador de produtos fitosanitarios.

Neste sentido, desde a Consellería aseguran a Campo Galego que “na Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal que non teñen parado ningún expediente”. “O que si hai -engaden- son protestas de xente que envía correos indicando que se dan cursos en fins de semana, pero nós non podemos facer nada porque a competencia é do Ministerio, posto que estas empresas están rexistradas no Rexistro do Magrama e que, en todo caso, sería Castela-León quen tería que tomar cartas no asunto”.

Rabcor asegura que as acusacións de Asaja “son inxustificadas, e movidas por intereses económicos”

Pola súa banda, Javier de Rábano, director executivo de Rabcor SL 2014 deféndese lembrando que “a nosa entidade leva desde fai xa case un ano impartindo formación a distancia, cun sistema homologado e válido, e máis do 80% destes cursos son inspeccionados in situ o día presencial a parte de ser inspeccionada tamén a parte online”.

En canto ás acusacións de ASAJA, Javier de Rábano considera que “son un ataque inxustificado, sen ningunha achega de proba, e que vén dado por motivos económicos xa que este sindicato imparte formación de fitosanitarios de maneira presencial en Castela e León, e somos a súa competencia máis forte”.

En Galicia a Xunta vai poñer en marcha unha plataforma online e Unións Agrarias e outra entidade empezarán a ofrecer esta formación a distancia

As queixas pola falta de formación online en Galicia para sacar o carné de fitosanitarios levou a reaccionar á Consellería do Medio Rural. Así, o pasado día 3 de febreiro o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, incidiu no Parlamento de Galicia, que, entre outras medidas, a consellería ten previsto a inmediata posta en marcha dunha plataforma para posibilitar a renovación dos carnés antigos e proxecta utilizala nun futuro para impartir a parte non presencial dos cursos de obtención do carné.

O director xeral anunciou ademais que hai dúas entidades colaboradoras -unha delas Unións Agrarias- que implantarán en breve as súas propias plataformas para facilitar formación online.

ASAJA xa impartiu o curso de Manipulador de produtos fitosanitarios a 120 persoas en Galicia

Por outra parte, ASAJA Galicia informa de que a semana pasada comezou a impartir de novo o curso de Manipulador de produtos fitosanitarios. Neste mes de febreiro, xa son 120 persoas as que puideron asistir ós cursos organizados por ASAJA. Neste sentido, o representante de asociación, Juan Carlos García Pose, salienta que “en pouco máis dun mes serán máis de 400 persoas as que acadarán o carnet de Manipulador de produtos fitosanitarios”.

Nas vindeiras semanas, ASAJA informa de que comezarán a impartirse novas edicións do curso en distintos puntos de Galicia. “Tódolos que queiran coñecer as características dos mesmos, así como os lugares e as datas de celebración, deben achegarse ou chamar a súa oficina de ASAJA máis cercana”, aseguran desde a organización.

 

2 ideas sobre “Carnet de fitosanitarios: a empresa que imparte os cursos online en León cumpre a normativa

  1. Leonardo amboage

    O problema dos cursos de leon non e a homologacion e que as empresas que colaboran aquí en Galicia fanlles os cursos on line eles a xente desde a as sus oficina pois a mayoría son xente de 70 años para arriba e nunca viron un ordenador diante

    Contestar
  2. Leonardo amboage

    Seguindo cos cursos a xente que chamaba a unha de estas empresas (unha de las chamase sanea) si les decían que non tiñan Internet xa lle decían que os facial eles que non se preocuparan solo iban un día a leon e que xa estaba

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información