Calidad Pascual inviste en firmas emprendedoras para innovar en alimentos

A compañía presenta o proxecto Pascual Innoventures, co que busca acceder a novas tecnoloxías alimentarias en colaboración con starp-ups. O obxectivo é lograr produtos que melloren a saúde, a seguridade alimentaria e a economía circular

Calidad Pascual inviste en firmas emprendedoras para innovar en alimentos

Cisterna de Pascual ante a súa factoría. / Arquivo.

Calidad Pascual, unha das firmas destacadas en innovación no sector lácteo, vén de lanzar un proxecto para atraer talento en materia de tecnoloxía alimentaria. O seu obxectivo é colaborar con emprendedores para crear novos produtos que poidan convertirse no futuro en liñas de negocio para Pascual.

A iniciativa, que se denomina Pascual Innoventures, arranca cunha fase de exploración de oportunidades, na busca de anticipar tendencias e tecnoloxías que poidan triunfar no mercado. A compañía pretende tecer alianzas con ‘start-ups’, é dicir, con emprendedores que teñan proxectos escalables para lograr produtos alimentarios ou servizos de alto impacto.

“Buscamos un beneficio mútuo, medrar con estas start-ups de ‘foodtech’ e crear empresas de futuro como posibles negocios de Pascual”, explica Sej Ravji, director de Pascual Innoventures.

As liñas estratéxicas da iniciativa céntranse en cuestións como seguridade alimentaria, saúde, benestar ou economía circular. Un primeiro proxecto, xa en marcha en colaboración coa start-up Venvirotech, busca aproveitar as augas brancas da planta de Pascual, procedentes do lavado das tuberías polas que circula o leite, para a creación de bioplásticos.

Un primeiro proxecto é ‘Magic Water’, que obterá bioplásticos das augas brancas procedentes das tuberías polas que circula o leite

Esta iniciativa de reaproveitamento das augas, que nace co nome de ‘Magic Water’, tratará con bacterias un mínimo de 2 toneladas de auga diarias, das que pode obter cando menos 40 – 100 quilos de bioplásticos, con posibilidade de cifras maiores.

Bebidas vexetais e leite de laboratorio
En materia de innovación alimentaria, as perspectivas da empresa son amplas. Desde traballar no desenvolvemento de bebidas vexetais, con aplicacións en distintos formatos que se asemellen ós produtos lácteos (iogures, queixos) ata a obtención de leites de laboratorio, sen participación de animais. A iniciativa arranca agora unha fase de identificación de oportunidades e tendencias.

Na presentación de Pascual Innoventures participaron Borja Pascual, conselleiro da empresa e segunda xeración da familia, e Gabriel Torres, director de Innovación de Pascual, terceira xeración da familia; así como Sej Ravji, director da iniciativa, e a responsable de Medios de Pascual, María Rojo.

Capsa impulsa outro proxecto de investimento en start-ups alimentarias

A firma asturiana Capsa anunciou a mediados de abril outro proxecto de investimento en start-ups alimentarias, neste caso en colaboración coa rede ‘Km Zero Food Innovation Hub’, que participa en start-ups para xerar produtos e solucións alimentarias. Esta colaboración, que se asinou por un periodo dun ano, levarase a cabo a través de Capsa Vida, veículo de investimento da compañía asturiana para o desenvolvemento de novos produtos.

O obxectivo do acordo é dotar de capacidade tractora a iniciativas disruptivas e de emprendemento relacionadas coa alimentación sostible e saudable. O foco estará posto en proxectos relacionados coa enerxía verde, a dixitalización do medio rural, a redución de emisións, a implantación de proxectos de economía circular, a biodiversidade, o microbioma e o benestar.

“Capsa aspira a xogar o seu papel dentro do ecosistema de investimento no mundo da alimentación. Queremos colaborar con organizacións como Km Zero para consolidar a innovación e o emprendemento”, afirma Rubén Hidalgo, director de Capsa Vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información