Caída dos prezos e da afluencia de becerros de recría na última sesión do ano en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha baixa afluencia de gando de recría e unha forte redución dos prezos. Subas nalgunhas seccións do vacún maior e os becerros carniceiros. Mantense sen cambios o porco cebado e soben os prezos dos leitóns

Caída dos prezos e da afluencia de becerros de recría na última sesión do ano en Silleda

Recría nas instalacións da Central Agropecuaria este martes, última lonxa do 2022.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca pecha o 2022 cunha mínima afluencia de recría e unha forte baixada dos prezos destes becerros. Mantense a presenza de tenreiros carniceiros, o que deixa subas en boa parte das seccións. No vacún maior, aínda que tamén houbo unha menor afluencia de animais, esta última sesión do ano deixa un incremento xeral dos prezos medios.

Nas mesas de cotización do porcino, o porco cebado mantense sen cambios, mentres que os leitóns experimentaron unha suba de 4 euros. O mercado do ovo continúa estable esta semana.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría só se contabilizaron 191 animais, mentres que a semana pasada houbo 613 becerros e a tendencia foi á baixa en case tódalas seccións. Na recría frisoa houbo unha redución dos prezos medios e tódalas seccións. O prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 57 euros, o que supuxo unha baixada de 27 euros.

Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio caeu ata os 59 euros, logo dunha redución de 45 euros. Os becerros de máis de 50 días rexistraron unha baixada de 28 euros con respecto da semana pasada e o prezo medio queda nos 109 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os tenreiros de 20 días tiveron un prezo medio de 259 euros, o que amosa unha baixada de 14 euros con respecto do valor medio da semana pasada. As femias desta sección tiveron un baixada de 79 euros e o prezo de referencia atópase nos 154 euros.

Os tenreiros de entre 20 e 50 días acusan unha baixada de 51 euros e quedan nos 266 euros. As femias desta idade descontan 83 euros ata os 168 euros. Os animais de máis de 50 días foron a excepción na recría. Os machos experimentaron unha suba do valor medio de 9 euros e sitúanse nos 487 euros. O valor medio das femias incrementouse en 80 euros ata os 430 euros.

A afluencia de gando mantívose nos tenreiros carniceiros e rexistráronse subas en boa parte das seccións. Nos becerros frisóns o valor medio acadou os 747 euros, o que deixa unha suba de 19 euros con respecto á semana pasada. Os becerros de cruces industriais tiveron un prezo medio de 1.007 euros. Foron unha das excepcións, ó producirse unha baixada de 72 euros no valor de referencia. As femias desta sección tiveron unha suba de 17 euros ata acadar os 898 euros.

En canto ós becerros de Rubia Galega, os machos tiveron un prezo medio de 1.214 euros, o que amosa una suba de 44 euros. Nas femias, o valor medio caeu ata os 906 euros, situado 126 euros por debaixo da pasada feira. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, o valor medio foi de 1.078 euros, o que os sitúa en 52 euros menos.

No vacún maior hai unha clara tendencia á alza, en case tódalas seccións. Unha das excepcións foron os animais da categoría extra, que cotizaron 54 euros por debaixo do prezo medio da semana pasada, ó situarse nos 1.932 euros. Nas vacas de primeira houbo unha suba de 39 euros no valor de referencia de xeito que acadan os 1.189 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio foi de 756 euros, é dicir 7 euros máis. Os animais de desfeito tiveron unha suba de 23 euros, para acadar os 484 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o único animal vendido marcou un prezo de referencia de 1.411 euros.

Ultima lonxa vacun 27_12_2022

Subas nos leitóns

Na mesa de cotizacións do porcino, o porco cebado mantense esta semana sen cambios e rexístrase unha suba dos prezos dos leitóns. Así, o porco selecto e o normal teñen un valor de 1,665 e 1,64 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,130 euros e os animais de desvelle teñen un prezo de entre os 0,78 e os 0,84 euros o quilo.

Nos leitóns produciuse unha suba de 5 euros. Por este motivo, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 78 euros (cun prezo de 3,9 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 73 euros e cun prezo por quilo de 3,65 euros.

O mercado do ovo continúa estable esta semana. Os ovos da XL están a 2,8 euros a ducia, os da L a 2,59 euros, os ovos da M a 2,23 euros e os da S a 1,98 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense entre os 0,32 e os 0,39 euros.

O prezo do coello está nos 2,6 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Ultima lonxa porcino 27_12_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información