Baixadas nos prezos da recría e os becerros carniceiros en Silleda

Os tenreiros carniceiros e de recría acusan unha baixada dos prezos na Central Agropecuaria de Galicia. Mantéñense sen cambios o porcino e houbo subas no mercado do ovo

Baixadas nos prezos da recría e os becerros carniceiros en Silleda

Recría no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, celebrada en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos dos becerros, tanto de recría como nos carniceiros. No vacún maior non houbo unha tendencia clara, xa que se apreciaron tanto subas como reducións dos prezos en función das categorías. Esta semana a mesa de prezos do porcino acordou manter as cotizacións. Mentres, no mercado do ovo houbo subas en tódalas seccións.

En concreto, na recría houbo unha baixada xeral das cotizacións, con mínimas excepcións. Na recría de raza frisoa os animais máis novos quedaron cun prezo medio de 105 euros, logo de descontar 7 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia do mercado experimentou unha lixeira suba de 2 euros e acada os 130 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días o prezo caeu 8 euros e quedou en 135 euros.

No caso da recría de cruzamentos industriais a tendencia foi semellante. Os becerros máis novos, con menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 213 euros, despois dunha baixada de 17 euros. As femias desta sección foron a excepción cunha suba de 5 euros, que deixa un prezo medio de 161 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, houbo unha baixada de 12 euros co que quedan en 276 euros. As femias descontaron 26 euros e cotízanse a 206 euros. A baixada máis acusada produciuse nos becerros de máis de 50 días. Neste caso, o prezo medio quedou nos 379 euros, logo dunha rebaixa de 49 euros. Nas femias a baixada foi de 24 euros e sitúanse en 319 euros.

A tendencia foi á baixa tamén nos becerros carniceiros. Nos animais de cruces industriais, os machos quedaron nun prezo medio de 795 euros logo de descontar 123 euros. Nas femias a baixada foi de 96 euros e agora cotízanse a 707 euros. O único exemplar adxudicado de raza Frisoa marcou un prezo medio de 420 euros, lonxe dos 623 euros que fora o prezo medio da semana pasada. Os machos de Rubia Galega foron a excepción cunha suba de 44 euros, o prezo medio sitúase nos 1.028 euros. En canto ós exemplares co selo Ternera Gallega esta semana logran unha suba de 77 euros e acadan un prezo medio de 1.055 euros.

Esta semana no vacún maior houbo subas nas vacas da categoría extra, que pasaron a cotizarse a 1.949 euros, logo dun incremento de 41 euros. Pola súa banda, os animais de primeira quedaron en 1.117 euros ó descontar 25 euros. Nas vacas de segunda houbo unha suba de 9 euros, que deixa un prezo medio de 729 euros e os animais de descarte están a 461 euros, tras unha baixada de 26 euros. Os exemplares co selo de Vaca e Boi de Ternera Gallega están nun prezo medio de 1.266 euros, o que supón case a metade do acadado a semana pasada, cando se situaba nos 2.346 euros.

Lonxa Vacun 15_06_2021

Estabilízase o porcino

Esta semana, as mesas de cotizacións do porcino acordaron manter os prezos tanto para o porco cebado como para os leitóns. Deste xeito, o porco selecto e o normal cotízanse a 1,595 e 1,570 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II están en 2,039 euros e os porcos de desfeito seguen a cotizarse entre os 0,81 e os 0,87 euros o quilo.

Os leitóns mantéñense a 3,25 euros o quilo e a 65 euros o exemplar de 20 quilos procedente dunha única gandería. Os animais chegados de lotes de menos de 500 porcos cotízanse a 60 euros o animal de 20 quilos e o prezo por quilo é de 3 euros.

No mercado do ovo, tódalas categorías experimentaron unha suba de 0,2 euros. Deste xeito, os ovos da XL pasan a cotizarse a 1,88 euros a ducia, os da L están a 1,41 euros, os da M acadan os 1,28 euros e os da S atópanse a 1,04 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Lonxa Porcino 15_06_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información