O mercado gandeiro de Becerreá congregará o vindeiro martes, día 19, a primeira das poxas do ano, de raza Rubia Galega, organizada por Acruga. Sairán á venda cinco xovencas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro e unha procedente dun criador particular, con explotación en Samos.
Catro do cinco xovencas da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación Provincial de Lugo, están preñadas de entre tres e cinco meses, mentres que a quinta é unha xovenca parida que se poxará xunto ao seu tenreiro de dous meses, e que terá un prezo de saída de 2.400 euros.
Para as outras catro, o prezo inicial fixouse en 2.200 euros, e para todas elas os compradores terán como aliciente as axudas de Caixa Rural, de até 200 euros por animal.
O prezo para a xovenca procedente da explotación de Samos, que está preñada de catro meses, determinarao o propio particular. Os interesados en poxar por algún destes animais poderán retirar o seu cartón acreditativo a partir das 11.00 da mañá no propio mercado gandeiro.
Desde Acruga destacan “a excelente calidade das xovencas presentadas, todas con idades comprendidas entre os 23 e os 25 meses, que queda reflectida nas fichas técnicas de cada un dos animais, con boas cualificacións e destacadas xenealoxías, e así o constatan os gandeiros que venderon ao centro de Gayoso Castro as cinco xatas para esta poxa despois do seu período de recría”. Algunhas son fillas de touros de monta natural, como a que procede da explotación de Castro Caldelas, de Manuel Yáñez, unha das máis grandes de Ourense, e que posúe cinco touros para a monta natural.
Segundo explica este gandeiro “é a primeira vez que vendo ao centro de recría, posto que tiña excedente de animais. Están a levarse exemplares de moita calidade a estas poxas, aínda que o único pero que lle poño é que se debería mirar máis que as cabezas dos animais sexan mellores, máis acordes coa boa morfoloxía do exemplar”.
Outra das xatas recriadas en Gayoso Castro adquiriuse na provincia de Pontevedra, na explotación que Sandra Ledo ten en Lalín. Segundo explican desde esta gandaría “xa vendemos varias xovencas ao centro de recría; unha oportunidade de trasladar a boa xenética dos nosos animais, que son fillos tanto dos nosos touros para monta natural como tamén de inseminación artificial”.
Precisamente, outra das explotacións que vendeu exemplares ao centro de recría é a que Jesús Saco posúe no municipio lucense do Corgo, quen explica que “son fillas de touros de inseminación artificial con moi boas xenealoxías e resultados contrastados”.
Desde a directiva de Acruga sinalan que algunhas das xovencas que levarán a Becerreá son fillas de touros de inseminación artificial tan coñecidos por exemplo Friol AG, Pavaroti II AG, e Avispado AG. “Trátase de animais cuxo seme xa foi sexado polo que se pode saber para que tipo de inseminación están indicados e, o que é mellor, os seus resultados xa foron contrastados. Trátase ademais de touros con bos índices de vida, é dicir adecuados para a recría; con bos índices de carne, o que aumentará as canales e a conformación cárnica, e reprodutivos, o que implica que as súas fillas serán moi fértiles e con bos datos en factores tan importantes como a facilidade de parto”, destacan desde ACRUGA
Ademais, engaden que “o feito de que estes sementais teñan probas de descendencia xa contrastadas, permite ao gandeiro escoller entre as descendentes máis axeitaas para a recría de animais puros ou para cruzamento industrial”.