Baixada nos prezos medios dos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha redución dos prezos dos tenreiros carniceiros. No resto de seccións de vacún non houbo unha tendencia clara, con cambios das cotizacións por categorías. Novas subas no porcino e no mercado do ovo

Baixada nos prezos medios dos becerros carniceiros en Silleda

Becerros de cebo nas instalacións da Central Agropecuaria. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos de referencia dos tenreiros carniceiros. Mentres, no resto de seccións do vacún (tanto gando de recría como vacún maior) non houbo unha tendencia clara, con variacións nas distintas categorías.

As mesas de cotización do porcino continúan esta semana con subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. Logo de varias semanas estable, o mercado do ovo experimentou unha suba en tódalas categorías.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa o prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 131 euros, o que supuxo unha suba de 15 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, a sección máis numerosa, o prezo medio situouse un euro por debaixo da semana pasada, nos 146 euros. Os becerros de máis de 50 días incrementaron o seu valor en 11 euros e acadan os 181 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 279 euros, tras unha baixada de 26 euros con respecto do valor medio da semana pasada. As femias desta sección rexistraron unha suba de 20 euros e acadan un prezo medio de 243 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio foi de 331 euros, logo de descontar 5 euros con respecto da semana pasada. Nas femias o prezo de referencia sitúase nos 279 euros, logo dunha suba de 28 euros. Nos animais de máis de 50 días, os machos incrementaron o seu valor en 20 euros e quedan nos 475 euros. O valor medio das femias foi de 306 euros, 25 euros menos que a semana pasada.

Os tenreiros carniceiros experimentaron esta semana unha baixada xeral dos prezos que afectou a tódalas categorías. Nos becerros frisóns o valor medio foi de 827 euros, o que supón 138 euros menos que o prezo manexado a semana pasada. Nas femias o prezo de referencia foi de 503 euros. Nos becerros de cruces industriais, os machos tiveron un valor medio de 963 euros, o que supón unha baixada de 89 euros con respecto da feira anterior. As femias descontaron 119 euros e o prezo de referencia queda nos 868 euros. Os becerros de Rubia Galega cotizáronse a 1.041 euros, é dicir 27 euros menos. As femias desta raza reduciron o seu prezo en 181 euros ata os 942 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 940 euros, o que os sitúa en 173 euros menos que a semana pasada.

No vacún maior tampouco houbo unha tendencia clara. Os animais da categoría extra cotizaron a un prezo medio de 2.014 euros, o que supón 122 euros menos que a semana anterior. As vacas de primeira tiveron unha suba de 16 euros e sitúanse nos 1.170 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio mantense sen cambios nos 765 euros. Os animais de desfeito teñen un valor de referencia de 447 euros, é dicir 43 menos que a semana pasada. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo medio foi de 1.516 euros, o que supón 297 euros menos que a semana pasada.

Lonxa _Vacun 21_02_2023

Continúan as subas no porcino

Nas mesas de cotizacións do porcino houbo subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. O porco selecto e o normal teñen un valor de 1,875 e 1,85 euros o quilo, respectivamente logo dunha suba de 0,05 euros. Os porcos de Canal II tiveron un incremento de 0,065 euros e están a 2,403 euros. Os animais de descarte experimentaron unha suba de 0,06 euros, de xeito que agora cotízanse entre 1,01 e 1,07 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha suba de 5 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 99 euros (cun prezo de 4,95 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 94 euros e cun prezo por quilo de 4,7 euros.

Logo de varias semanas estable, o mercado do ovo experimenta unha suba de 0,05 euros en tódalas seccións. Deste xeito os ovos da XL acadan os 2,85 euros a ducia, os da L están a 2,64 euros, os ovos da M a 2,28 euros e os da S a 2,03 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense sen cambios e cotízanse entre os 0,30 e os 0,37 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Lonxa porcino 21_02_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información