Poxa de 7 touros e 14 xovencas de Rubia Galega este sábado 17 en Adai

A poxa arrinca ás 12 horas e celebrarase tamén un concurso de gando, ao que acoden un cento de animais

Poxa de  7 touros e 14 xovencas de Rubia Galega este sábado 17 en Adai

Unha poxa anterior en Adai. / Arquivo.

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebra este sábado unha das grandes citas do seu calendario de eventos, coa poxa de Adai (O Corgo), que alcanza a súa edición número 99. Estará acompañada por un concurso de gando.

A previa da poxa comezará ás 11.00 da mañá, coa retirada de tarxetas, para unha hora despois arrincar coa poxa de sete touros e 14 xovencas preñadas, gando que chega procedente do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo; da nave de testaxe de Acruga; e das explotacións gandeiras de Raza Rubia Galega.

Así poxaranse tres touros da nave de testaxe que Acruga ten en Adai e catro exemplares de tres gandeiros particulares con explotacións no Páramo e Lugo. Todos os machos contan con idades comprendidas entre os 14 e os 26 meses e con altos índices de cualificación, con categorías de moi bos e excelentes.

A poxa de xovencas preñadas é outro dos pratos fortes desta xornada de exaltación da Raza Rubia Galega. Poderase poxar por nove femias preñadas procedentes do centro de recría así como por outras cinco xovencas, de explotacións de Lugo e Pantón.

Tamén no caso das femias, todas elas contan con cualificacións moi boas ou máis que boas, con idades comprendidas entre os 18 e os 29 meses, e preñadas de dúas a oito meses.

Os prezos de saída dos animais que chegan da man de Acruga fixáronse en 2.000 euros as femias e en 2.300 para os machos, e como xa é habitual, a poxa contará un ano máis coas axudas á compra de Caixa Rural, que establece 200 euros para as femias e 300 para os machos.

Un cento de exemplares ao concurso
De forma paralela á poxa, os visitantes que se acheguen ao recinto gandeiro de Adai poderán admirar aos mellores exemplares deste raza, uns 100, que toman parte no concurso nacional, e que competirán en varias categorías para determinar cales son os mellores exemplares de machos, femias, vacas paridas, xovencas, tenreiros etc. Os encargados de determinar os gañadores do certame serán os xuíces profesionais procedentes da Escola de Xuíces de Acruga.

Os animais que tomarán parte no concurso nacional proceden de nove ganderías de Acruga, situadas nos concellos de Castroverde, Friol, Samos, Vilalba, Rodeiro, en Pontevedra, e no propio municipio do Corgo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información