Baixada dos becerros de recría en Silleda

Tras a Semana Verde os prezos da recría caen na Central Agropecuaria. Seguen á baixa os leitóns e os ovos. A actividade recuperarase a vindeira semana, coa entrada de novo de vacún maior e becerros carniceiros

Baixada dos becerros de recría en Silleda

Becerros de recría nas instalacións da Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda (Pontevedra). // Imaxe de arquivo.

Tras a celebración da Semana Verde-A Banca, este martes o mercado de gando vacún comeza a recuperar a actividade ó incluír xa recría. Porén, os prezos destes animais experimentaron unha baixada xeral en comparación coa última poxa celebrada na derradeira semana de maio. Tanto a recría frisoa como a de cruzamentos ou a de Rubia Galega cotizaron á baixa, con contadas excepcións.

Mentres, nas mesas de cotización do porcino, os leitóns continúan á baixa. Tamén se manteñen as baixadas no mercado do ovo.

Prezos da recría

Facemos un repaso polas distintas seccións da recría na Central Agropecuaria de Galicia para coñecer a evolución dos prezos, aínda que compre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 121 euros, é dicir 17 euros menos que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 173 euros, co que queda 12 euros por debaixo. Nas femias desta idade a baixada foi de 44 euros e sitúanse en 89 euros. Nos machos de máis de 50 días o prezo medio foi de 231 euros. Foi a excepción entre a raza frisoa, ó incrementarse o valor en 49 euros con respecto da última feira. Mentres, as femias desta idade descontaron 88 euros ata quedar en 99 euros.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais a tendencia foi semellante. Os becerros máis novos cotizáronse a 346 euros, é dicir 46 euros por debaixo da última feira. Nas femias houbo un lixeiro incremento, dun euro, ata os 288 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, o valor de referencia foi de 412 euros, é dicir 12 euros menos. As femias descontaron 15 euros, xa que tiveron un prezo medio de 302 euros. Nos animais de máis de 50 días o prezo medio foi de 552 euros, o que supón unha baixada de 26 euros. As femias foron outra das excepcións, cunha suba de 16 euros, de xeito que acadan os 437 euros.

Nos animais de Rubia Galega, os machos de entre 20 e 50 días tiveron un prezo medio de 589 euros, o que deixa unha baixada de 16 euros. Nos becerros de máis de 50 días houbo unha suba de 11 euros, de xeito que acadan os 676 euros. As femias desta sección descontaron 76 euros e tiveron un valor medio de 454 euros.

Esta semana, como estaba previsto, non houbo vacún maior nin becerros carniceiros por mor da celebración da Semana Verde en días pasados. A actividade na Central reactivarase por completo a vindeira semana.

13_06_2023 Central Agropecuaria

Baixada dos leitóns

As mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios no porco cebado, pero os leitóns acusaron unha nova baixada de 2 euros. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 97 euros (cun prezo de 4,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 92 euros e cun prezo por quilo de 4,6 euros.

Nos animais cebados, o porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.

O mercado do ovo tamén experimentou esta semana baixadas en case tódalas categorías. Só os ovos da XL se manteñen sen cambios e están a 2,94 euros a ducia. Mentres, os da L tiveron unha baixada de 0,02 euros e quedaron en 2,66 euros a ducia. Nos ovos da M e da S a baixada foi de 0,03 euros e páganse a 2,29 e 2,04 euros respectivamente. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense sen variacións e cotízanse entre os 0,32 e os 0,40 euros o quilo.

O prezo do coello incrementouse a pasada semana en 0,05 euros e acada os 2,45 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

13_06_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información