A primeira das poxas de Acruga neste 2024 celebrada esta mañá na vila luguesa de Becerreá, concluíu coa adxudicación das seis xovencas presentadas e cun prezo medio de 2.458 euros, algo inferior respecto dos 2.600 da pasada edición.
Rexistrouse boa asistencia de público e posibles compradores, con até 28 cartóns de criadores, principalmente da provincia de Lugo, que retiraron a súa credencial para poder poxar por algún destes animais.
As xovencas foron adquiridas por gandeiros con explotacións en Láncara, Seoane do Caurel, O Incio e O Corgo. Precisamente, a gandaría Santalla, do citado municipio foi a que adquiriu o exemplar con maior cotización da poxa, unha novela preñada de excelente xenética, que alcanzou os 2.900 euros.
O seguinte prezo máis alto da xornada foi para o segundo exemplar dos poxados, unha xovenca parida cun xato de dous meses, lote que foi adxudicado a un gandeiro do Incio por 2.750 euros.
A seguinte poxa de Acruga neste mes de marzo será na provincia da Coruña, no municipio de Boimorto, o próximo día 24. Uns días despois, o 5 de abril, terá lugar outra das grandes citas do calendario feiral de Acruga, esta vez en Pedrafita do Cebreiro.