A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha baixada xeral dos becerros de recría de raza frisoa, mentres que nos animais de cruzamentos industriais, nalgunhas categorías os prezos medios sitúanse por encima dos manexados a semana pasada. Os becerros carniceiros experimentaron unha baixada xeral. No vacún maior houbo baixadas significativas nos prezos medios das vacas da categoría extra e subas nas de segunda.
A comparativa de prezos entres as sucesivas sesións da Lonxa serve como referencia para o sector, mais na variación dos prezos tamén cómpre ter en conta outros factores como a distinta calidade media que poden ter os animais (canais, quilos, etc.).
Nas mesas de cotizacións do porcino, unha semana máis acordan que os prezos do porco cebado se manteñan sen cambios. Nos leitóns houbo unha baixada xeral. O mercado do ovo continúa estable, sen ningunha variación. Tampouco se produciron cambios para o coello na Lonxa de Madrid.
Os prezos do vacún
En concreto, na recría frisoa houbo baixadas dos prezos en tódalas categorías. Nos becerros de menos de 20 días, os animais máis novos, produciuse unha rebaixa de 19 euros no prezo medio con respecto dos valores fixados a pasada semana. Nos animais de entre 20 e 50 días descontaron 21 euros e cotizáronse a 92 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días produciuse un recorte de 8 euros con respecto dos prezos manexados a semana pasada e cotízanse a 110 euros.
Nos animais de cruzamentos industriais, os tenreiros máis novos tiveron un prezo medio de 230 euros, o que supón un incremento de 16 euros. No caso dos exemplares de entre 20 e 50 días, o prezo medio sitúase nos 283 euros, o que evidencia unha suba de 6 euros. Nos animais de máis de 50 días houbo unha baixada de 15 euros e atópanse nos 355 euros.
Os becerros carniceiros cotizáronse á baixa esta semana. Nos becerros de cruzamentos industriais o prezo medio foi de 808 euros, o que supón 76 euros menos que o prezo de referencia da última lonxa. A redución nas femias foi máis drástica, ó descontar 194 euros e situarse nos 626 euros. Nos becerros de Rubia Galega, o prezo medio nos machos foi de 899 euros, cunha redución de 23 euros. As femias sitúanse nun valor medio de 745 euros, tras unha baixada de 127 euros. Nos becerros co selo de Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 929 euros, 15 menos do prezo de referencia da semana pasada.
No vacún maior, só as vacas de segunda lograron un incremento do prezo medio. Esta semana cotízanse a 737 euros, o que supón unha diferencia de 24 euros máis que na última lonxa. Os exemplares da categoría sufriron a baixada máis significativa, 252 euros, e cotízanse a un prezo medio de 1.818 euros. Nas vacas de primeira o valor medio está nos 1.139 euros, só 2 euros por debaixo do fixado na última lonxa. Nas vacas de desfeito o prezo medio é de 500 euros, o que supón unha redución de 9 euros. Os animais co selo Vaca e Boi de Galicia da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega fixaron un prezo medio de 1.690 euros.
Subas nos leitóns
Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo manter as cotizacións para o porco cebado, mentres que os leitóns experimentaron unha suba dun euro en tódalas categorías. Así, o porco selecto e o normal continúan a cotizarse a 1,025 e 1 euro o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,299 euros o quilo e os animais de desvelle cotízanse entre os 0,28 e os 0,34 euros.
Nos leitóns, os exemplares procedentes dunha única granxa acadan os 41 euros (cun prezo de 2,05 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 36 euros e teñen un prezo por quilo de 1,8 euros.
O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da categoría XL están a 1,69 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,38 euros, os da M están 1,20 euros e os da S páganse a 0,99 euros a ducia. As galiñas de desvelle están a cotizarse entre os 0,23 e os 0,30 euros por quilo.
O coello mantense a 1,9 euros o quilo na Lonxa de Madrid.