Avanza a implantación de pasteiros nos montes do concello ourensán de Cartelle

Avanza a implantación de pasteiros nos montes do concello ourensán de Cartelle

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitando os pasteiros en Cartelle

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, vén de reunirse co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, e con representantes do monte veciñal en man común de Cabadas, no que se prevé instaurar un pasteiro de preto de 20 hectáreas. Así, en compañía tamén de gandeiros que se beneficiarán da iniciativa, estiveron visitando a zona na que se traballará no marco do Plan de pastos da Xunta.

Deste xeito, búscase promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e, sobre todo, para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.

Neste caso concreto, os gandeiros beneficiados contan con máis dunha trintena de exemplares da raza autóctona bovina Frieiresa, á que lle buscan dar un maior impulso con esta iniciativa.

O Plan de pastos -que se atopa na súa terceira fase de execución- prevé actuar nunha superficie total de 2.250 hectáreas en toda Galicia. Así, as dúas primeiras fases xa están rematadas con actuacións en arredor de 1.200 hectáreas de terreo. No caso da provincia de Ourense, executáronse pastos en 15 concellos que supuxeron o acondicionamento de 355 hectáreas nesta provincia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información