Patoloxías máis comúns do gando cabalar en Galicia e medidas de prevención

A obstrución recurrente das vías aéreas pola aspiración de esporas de fungos cara o pulmón, a laminite, a dermatite inmunomediada ou a piroplasmose son enfermidades a ter en conta. Afectan máis ó gando estabulado que ó que vive en libertade no monte

Herminio Pose é veterinario especialista en gando cabalar

Herminio Pose é especialista en cabalos e asesora tanto a ganderías de cría como a explotacións de cabalo de monte

O veterinario Herminio Pose Nieto, especialista en cabalos, falou esta semana na Reunión de Outono organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes en Mondoñedo das enfermidades máis comúns do gando cabalar en Galicia, do seu tratamento e das medidas preventivas e de manexo a adoptar nas ganderías para evitalas ou minimizar os seus efectos.   

“Non se trata de patoloxías que sexan específicas da nosa comunidade ou que se dean só no gando equino galego, pero hainas con maior incidencia en Galicia pola climatoloxía, o tipo de solo, aspectos culturais, etc”, explicou Herminio.

Na maioría dos casos, trátase de enfermidades que non se chegan a curar, senón que a aplicación de tratamento veterinario, unha vez aparecen os primeiros síntomas, serve para reducir os seus efectos e aminorar o seu avance e o empeoramento do estado clínico do animal.

Hai enfermidades que se evitan co manexo

Por iso, este especialista en gando equino fixo fincapé na necesidade da prevención para evitar a súa aparición e deu consellos útiles e prácticos aos gandeiros asistentes ás xornadas. “Son enfermidades que se evitan co manexo”, insistiu, dado que tanto a RAO-EPOC como a laminite están relacionadas con aspectos de alimentación (fungos no primeiro caso e exceso de hidratos de carbono no segundo) e a dermatite e a piroplasmose á presenza no ambiente de insectos transmisores (mosquito e carracha, respectivamente).

Menor incidencia nos cabalos do monte

Herminio está considerado un dos veterinarios que máis sabe de cabalos en Galicia. A súa empresa, Serveteq, conta no concello lugués do Corgo con instalacións destinadas á clínica e á reprodución de cabalos pura sangue. Ademais, é autor dun libro sobre os curros tradicionais que hai na comunidade e foi un dos responsables no seu día do impulso ao cabalo de pura raza galega a través do que hoxe é Puraga.

E como bo coñecedor desas dúas realidades, destaca a moita menor incidencia destas enfermidades nos cabalos salvaxes. “Os cabalos do monte teñen unha alta rusticidade e logran convivir coas carrachas sen que os mate, cando un cabalo pura sangue inglés que lle pica unha carracha e desenvolve a enfermidade da piroplasmose pode morrer en 5 días”, exemplifica.  

Do mesmo xeito, di, “aos cabalos do monte non lles afecta habitualmente nin a RAO-EPOC nin a laminite porque non comen herba seca nin pasto vigoroso”, aínda que matiza que “un cabalo de monte se un día escapa e entra nun pasto bo, en media hora comendo pode ter unha laminite por disbiose da flora intestinal, igual que un cabalo que se bota da corte e come moito penso ou grao, compara”.  

Obstrución recurrente das vías aéreas (RAO – EPOC)

A obstrución recurrente das vías aéreas ou asma é un mal frecuente en Galicia. Trátase dunha enfermidade que afecta ás vías respiratorias pola aspiración das esporas de fungos cara ao pulmón. “O cabalo pode comer e aspirar ao mesmo tempo, polo que aspira as esporas cara o pulmón, o que lle provoca unha tos irritativa seca. O animal non ten febre, nin apatía nin deixa de comer, pero ao tusir van rompendo as paredes dos alveolos, polo que os cabalos perden capacidade pulmonar e rendemento respiratorio e co paso do tempo vemos que se cansa máis. Cando a enfermidade está moi avanzada deixan mesmo de comer para centrarse en respirar”, relata Herminio.

Os primeiros síntomas para detectar RAO-EPOC nunha besta ou cabalo son un moco moi pegañento que sae pola boca desde a tráquea, a dilatación dos orificios nasais, o que provoca que o nariz se enruge, e a aparición dunha liña marcada no tórax polo efecto repetitivo de tusir.  

O risco da herba seca

“O problema en Galicia é a herba seca, existe moi boa calidade de forraxe desde o punto de vista do valor nutritivo pero temos unha mala conservación, polas nosas condicións de humidade no inverno. Aínda que a collamos con bo presecado e secado, temos humidades ambientais moi altas (de ata o 85% de humidade relativa) a partir de novembro. A herba seca absorbe esa humidade, fermenta e cría fungos que o cabalo aspira”, indica o veterinario de Serveteq.

Mollar a herba seca para que non solte tantas esporas non soluciona o problema e non se deben usar escadas para colocar a forraxe

Non se deben empregar escadas para colocar a herba seca ou calquera outro tipo de forraxe, xa que o cabalo coa cabeza levantada aspira máis esporas; é preferible que a coma no chan, “porque o cabalo está deseñado para pacer, é dicir, para comer coa cabeza baixa”, di.

 “A herba seca en si non é mala para o gando equino, a que se produce no verán pódese dar sen problema até o outono, pero a partir de novembro, cando chega o inverno e vén o mal tempo non se debe seguir dando”, insiste.

A herba seca non é mala para os cabalos, pero en Galicia temos unha imposibilidade para garantir unha boa conservación debido á alta humidade ambiental

“É nefasto acumular a herba seca dun ano para outro, porque son dous anos criando fungos e esa herba seca vella tampouco vale para estrar, porque aínda que non a coma o cabalo aspira igual eses fungos”, engade Herminio.

Por iso, nos meses de inverno recomenda substituír a herba seca colleitada en Galicia por herba seca ou palla de Castela. “Pero non serve traer un tráiler e almacenala aquí, porque colle igual humidade, hai que ir traéndoa a medida que se vai consumindo”, advirte. Alfalfa en rama tamén se pode dar, pero pouca cantidade, porque ten moita proteína.  

A herba seca ensilada en rolos é unha boa opción para darlle aos cabalos

Outra opción para substituír a palla ou a herba seca é o silo, pero ten que ser moi seco. “O silo de trincheira moi húmido é malo para o gando cabalar pero o silo cun bo presecado é bo. Herminio recomenda facer microsilos con rotoempacadoras de tambor variable, de maneira que se fagan fardos de pequeno tamaño adaptados ao número de animais da explotación. “O silo débese consumir unha vez aberto nun máximo de 5 ou 6 días”, indica.

Tamén é unha boa solución o coñecido como henolaxe, é dicir, un rolo de herba seca envolto en plástico como se fose un rolo de silo. “Non é o mesmo que tapar os rolos de herba seca debaixo da lona, algo que é moi prexudicial, porque créase condensación e provoca máis humidade”, di. Pero para poder meter a herba seca na típica bola de silo ten que ir ben seca, “porque se vai húmida nin ensila nin se conserva ben”, explica. Ese tipo de herba seca ensilada non ten ácido butílico, polo que non cheira tanto como o de trincheira.

Cortes pouco ventiladas e con esterco

Outro factor que agrava os problemas de asma dos cabalos é telos en cortes pouco ventiladas. “En Galicia temos a manía de meter o cabalo en pendellos fondos e sen ventilación e como queremos facer esterco para a horta deixamos unha capa de estrume importante. Todo iso é unha bomba de reloxería, un caldo de cultivo perfecto para esta patoloxía”, asegura.

Xa que logo, o principal consello que dá Herminio, ademais de non darlle herba seca vella ou que collese a humidade do inverno, é “sacar aos cabalos dos zulos”. A corte do cabalo tampouco debe estar ao lado do estercoleiro ou da palleira.

“A obstrución recurrente das vías aéreas é unha enfermidade de manexo, porque como non saquemos o cabalo das condicións que lle provocan ese mal vai seguir evolucionando. O tratamento con antiinflamatorios e brondolilatadores serve para aliviar os seus efectos, pero esta enfermidade non a curamos, o máximo que podemos facer e parala no momento no que a collemos”, aclara.

Laminite ou cabalo aberto dos peitos

A laminite é unha enfermidade metabólica por toxinas froito da alimentación. Tamén é coñecida como cabalo entrepechado ou aberto dos peitos, aínda que é un concepto erróneo, “porque o mal está nas mans e non no peito”, aclara Herminio.

Pode afectar ás catro extremidades, aínda que empeza normalmente polas mans do animal (patas dianteiras). Afecta ao casco e sobre todo ao óso da terceira falanxe.

As toxinas xeradas no estómago acábanse acumulando nos cascos provocando a rotación do óso da terceira falanxe

Ten tamén unha incidencia especial en Galicia como consecuencia da alimentación. “A idea común e totalmente xeralizada, pero errónea, é que un prado con moi boa herba é o ideal. Pero o vigor do pasto leva a que teña moitos hidratos do carbono, que en exceso son malos para o cabalo. O cabalo primeiro come todas as puntas da herba, que é onde hai máis hidratos de carbono e as bacterias do estómago non son capaces de procesar todos eses hidratos, polo que se xeran unhas toxinas que se van acumulando nos cascos e cortan o rego sanguíneo dos vasos sanguíneos do casco, o tecido morre e afecta ao tendón que suxeita a terceira falanxe, que se rota e acaba cravando no casco”, indica.

Unha vez que se dá a enfermidade, ao igual que a RAO-EPOC, é incurable. “Téntase sobrehidratar ao animal para que se eliminen as toxinas, pero os cabalos con laminite quedan sempre con secuelas”, asegura Herminio.

Ao igual que a asma, a laminite é unha enfermidade incurable

Se a rotación do óso da terceira falanxe é superior a 6 grados espétase o óso e a banda coronaria queda danada, polo que se crean aneis diverxentes de crecemento no casco, que tarda 8 meses en medrar na súa totalidade, porque medra máis por atrás que por diante.

“A consecuencia da dor provocada pola laminite, o cabalo cambia a postura botando os pés para diante para apoiarse o menos posible nas mans”, explica. De aí esa sensación de que o mal está no peito.  

Parcelar en primavera e outono

“A toxicidade dun produto está sempre en función da dose. O pasto tenro non é malo, pero depende do que coma”, matiza Herminio. Por iso, recomenda sempre parcelar superficies grandes con liñas de pastor en primavera e outono e ir abrindo pouco a pouco para evitar que a besta ou o cabalo inxira unha excesiva cantidade de hidratos de carbono, que logo será incapaz de dixerir.

Aos cabalos cústalles habituarse a novos alimentos, non hai que preocuparse se o primeiro día come menos

“Hai que reducir a carga de hidratos de carbono que se produce cando a herba medra tan rápido, pero no verán ou inverno, cando o pasto perdeu a forza, pódense abrir superficies máis amplas. Sen embargo, na primavera ou no rebrote do outono non se pode deixar un só animal nunha hectárea de terreo”, indica.  

Dermatite inmunomediada ou pica pica

A dermatite inmunomediada, tamén coñecida como pica pica ou rasquiña en Galicia, desencadéase por un mosquito culicoide que é picador-chupador. A través da súa saliva, que irrita a zona da picadura para que aumente o rego sanguíneo e poder chupar deste xeito máis sangue, provoca irritación e comezón e o cabalo busca rozarse a onde sexa ou mesmo tíranse ao chan para emborcarse.

“Os mosquitos danse onde hai zonas de regatos, augas estancadas, piñeirais, estercos ou puríns”, lembra Herminio, polo que se deben evitar estas localizacións nos meses de maior presenza do insecto, como pode ser durante o verán.

“Luces ultravioletas, repelentes de insectos, darlle allo picado na ración para que o expulse pola suor e actúe como repelente natural, azufre, etc. Hai miles de remedios, pero a solución é variar o entorno no que está o cabalo”, insiste.

Non existe ningún tratamento que cure a enfermidade e a vacina só é efectiva nun 20% dos casos

En canto aos tratamentos unha vez aparece a dermatite, “existen moitos produtos pero ningún é bo, pódese tratar con corticoides para aplacar o sistema inmune pero non curamos a enfermidade e as vacinas funcionan só nun 20% dos casos e son caras”, recoñece.  

Piroplasmose ou mal da carracha

A piroplasmose ou mal da carracha, está provocada pola infestación cun parásito, o protozoo Babesia caballi, que se transmite a través da picadura dunha carracha. “A carracha é o taxi no que viaxa esa bacteria de cabalo en cabalo. É un parásito do sangue que rompe os glóbulos vermellos, provoca anemia e fai que o cabalo morra”, advirte Herminio.

Os cabalos poden ser portadores sanos do parásito sen ter síntomas, até que os protozoos comezan a multiplicarse no sangue do animal

Os cabalos poden ser portadores sanos do parásito sen ter síntomas, até que os protozoos comezan a multiplicarse no sangue do animal. Os síntomas máis leves son fatiga ou perda de peso e apetito, comúns a outras enfermidades, polo que a súa detección non é doada en ocasións. Algo distintivo na piroplasmose é a decoloración amarela das mucosas.

“O cambio climático está facendo que haxa unha alta proliferación de carrachas e que as haxa todo o ano”, alerta o veterinario de Serveteq. O protozoo Babesia caballi só se transmite a través da saliva da carracha, polo que os cabalos infectados non contaxian. As zonas de monte ou matogueira, así como os lindes das parcelas, son lugares con maior presenza de carrachas.

Os beneficios do cabalo como redutor de biomasa a custo cero na semana dos grandes lumes na Mariña

A Reunión de Outono da SGPF fíxose coincidir coas San Lucas, que se celebran esta semana en Mondoñedo

A Reunión de Outono da SGPF fíxose coincidir coas San Lucas, que se celebran esta semana en Mondoñedo

As San Lucas, a feira de gando máis antiga que se conserva en Galicia, con máis de 800 anos de historia, celébranse até o domingo en Mondoñedo. Nelas o cabalo ten un especial protagonismo. Aproveitando esta cita, a VIII Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes analizou durante dúas xornadas, este luns e martes, o papel do cabalo na conservación do medio natural.

Nas súas conclusións, a asociación que reúne a técnicos e gandeiros para o fomento do pastoreo en Galicia, quixo salientar os beneficios do cabalo como “redutor de biomasa a custo cero” e o feito de que “o cabalo criado en liberdade precisa de poucos coidados pero vincula ao propietario co monte”.

Poucos días despois do gran incendio producido esta fin de semana na Mariña, que queimou máis de 2.000 hectáreas de monte nos concellos de Trabada e Ribadeo, os asistentes ás xornadas destacaron que “os pastizais evitan ou cortan lumes ao romper a continuidade do monte e o espazo forestal, algo que non acontece en masas continuas de eucalipto como as que hai en concellos como o de Trabada” e aseguraron que “o incendio desta fin de semana na Mariña apagouse porque choveu, pero puido ser un dos maiores lumes da historia de Galicia”, concluíron.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información