A Asemblea Xeral Ordinaria da cooperativa Cobideza aprobou este martes renovar o contrato de subministro de leite á multinacional asturiana Reny Picot.
O contrato, que foi votado e aprobado por unanimidade, estará vixente dende o 1 de xullo de 2018 ao 30 de xuño de 2019, e é prorrogable se as dúas partes así o acordan.
Con este anovo contrato a recollida incrementarase en arredor dun 14%, pasando dos 44 millóns de litros do contrato de 2017 aos 50,56 millóns de litros do contrato proposto, cun valor aproximado de 17 millóns de euros. Con este volume Cobideza convértese nunha das cooperativas máis grandes de Galicia en cantidade de leite comercializado.
En canto aos prezos, será un prezo variable, cunha parte indexada á media galega e outra parte referenciada ás cotizacións da manteiga e do leite en pó que publica periódicamente a Comisión Europea.
Cobideza conta cuns 230 socios nos concellos de Lalín, Silleda, A Estrada, Vila de Cruces, Forcarei e Agolada.
Por outra parte, a cooperativa presentou aos socios o novo equipo de maquinaria para a recollida de herba seca, un equipo da marca Krone, a empacadora BiG Pack 1290 HDP, que permite facer pacas grandes.