As empresas dubidan de que se cumpra o prazo para as ITEAF

A normativa establece que os equipos de aplicación de produtos fitosanitarios pasen a ITEAF ata o 26 de novembro como data límite. As empresas que prestan o servizo aseguran que non hai tempo material para cumprir os prazos. O Ministerio asegura que está a traballar para acelerar o ritmo das inspeccións.

Publicidade
Publicidade
As empresas dubidan de que se cumpra o prazo para as ITEAF

Equipo pasando a ITEAF

O próximo 26 de novembro finaliza o prazo para que os equipos de aplicación de produtos fitosanitarios pasen unha inspección técnica (ITEAF), en cumprimento da directiva europea sobre uso sustentable dos praguicidas. En Galicia son ao redor de 9.500 equipos, entre barras pulverizadoras, atomizadores e outros -todos eles deberán estar inscritos no ROMA-, os equipos que deberán pasar a revisión, segundo os cálculos de Medio Rural.

Con todo, as empresas do sector consideran materialmente imposible que se cumpran eses prazos. “O problema é que as máquinas que teñen que pasar a inspección son moitas, todas as do ano 2011 para atrás, e o número de empresas que estamos a ofrecer este servizo é insuficiente”, asegura Víctor Cordero, representante de Rabcor, unha das sete empresas autorizadas pola Xunta para prestar a ITEAF.

“Os cálculos son fáciles: unha unidade móbil inspecciona un máximo de 10 equipos de fitosanitarios ao día, xa que para facela ben leva entre 40 e 60 minutos por equipo, e se en Galicia hai entre 9.000 e 10.000 equipos inscritos no ROMA, sen contar as que non o están, o tempo non é suficiente”, advirte Víctor Cordeiro.

Ademais, o representante de Rabcor critica a falta de información por parte das Comunidades Autónomas, “de forma que se dá o paradoxo de que, sendo imposible cumprir os prazos, a maioría das unidades móbiles de inspección están a traballar por baixo da súa capacidade xa que os agricultores non se animan ou prefiren esperar para o último momento”.

A isto únese o atraso das Comunidades Autónomas en presentar ante o Ministerio de Agricultura un plan de inspección a nivel local e comarcal, algo que ata agora só cumpriron Aragón, Castela A Mancha e Cataluña.

Por último, Víctor Cordero denuncia o que considera “competencia desleal” en canto a tarifas entre as empresas do sector. “Nós estamos a pasar as ITEAF por 85 euros e estamos a perder diñeiro, pero é que hai sindicatos agrarios que o están facendo por 50 euros, cando o mínimo para poder cubrir custos e obter un beneficio debería de ser de 120 euros por equipo”, denuncia.

O MAGRAMA asegura que está a traballar para acelerar as inspeccións

Con todo, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA) confía en cumprir cos prazos establecidos, xa que do contrario podería enfrontarse a unha sanción da Comisión Europea.

“En relación co calendario que baralla o Ministerio para cumprimento da directiva europea de ITEAF, será  o establecido na normativa: 26 de novembro de 2016, de acordo co Real Decreto 1702/2011, do 18 de novembro, de inspeccións periódicas dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios (BOE 9-12-2011)”, asegura o Magrama en resposta a Campo Galego.

Para cumprir ese prazo, o Ministerio informa de que “está a traballar en acelerar o ritmo das inspeccións que se están levando a cabo, con reunións coas CCAA, OPAS e empresas que prestan o servizo das inspeccións, así como en dar a máxima difusión á obrigatoriedade de que os equipos de aplicación fosen inspeccionados, polo menos unha vez, antes do 26 de novembro deste ano”.

 

Máis información sobre as ITEAF:

-Como funcionará a inspección de as sulfatadoras?

-Consellos para pasar á primeira a inspección de equipos fitosanitarios

-O prezo medio para pasar a ITEAF rolda os 100 euros por cada equipo fitosanitario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información