Areeiro aconsella revisar as viñas e renovar tratamentos ante síntomas de mildio

Publicidade
Areeiro aconsella revisar as viñas e renovar tratamentos ante síntomas de mildio

Xa se empezan a observar os primeiros acios en floración en viñedos do Salnés. // Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda no seu último aviso fitosanitario emitido este xoves, incrementar a vixilancia das viñas, dado que as condicións meteorolóxicas previstas para as próximas xornadas favorece a aparición de mildio. A melloría do tempo ao longo dos vindeiros días e a alternancia con choivas pode xerar un ambiente de humidade nas viñas propicio para o fungo.

Ademais, cómpre vixiar especialmente a aparición de mildio, posto que nestes momentos o viñedo é moi sensible ós efectos do patóxeno. Así, aínda que se aplicaran tratamentos previos ó comezo das chuvias, e as viñas estean teoricamente protexidas, cómpre renovar os tratamentos se se detecta a aparición de síntomas recentes.

Os técnicos recomendan segar a vexetación dos viñedos, así como eliminar os brotes chupóns, para axudar a controlar tanto este coma outros fungos, xa que despois da cantidade de chuvia rexistrada estes días e a mellora previstas para as próximas xornadas, o exceso de auga evaporárase, xerando un ambiente de humidade nas viñas que favorece a aparición do mildio.

Nas revisións nos viñedos desta semana, detectaron manchas novas de mildio máis ou menos illadas no 90% das parcelas. Mentres, no 5% dos viñedos localizaron focos de mildio maiores, mesmo con acios e pampos afectados situados, en xeral, en zonas pouco aireadas ou en predios onde algunhas das actuacións preventivas se fixera en condicións pouco axeitadas. A comarca do Condado foi onde maior número de parcelas afectadas por mildio ou con focos significativos da enfermidade constataron. Tamén no Rosal e o Salnés observaron viñas con manchas dispersas.

Outros patóxenos

Polo momento non detectaron viñedos afectados por outros fungos como o oídio, porén dende Areeiro recomendan iniciar os tratamentos, se non se realizaron xa, ó atoparse o viñedo coa prefloración. Inciden en que non é aconsellable mesturar funxicidas no mesmo tratamento e, no caso de optar por esta práctica, é mellor empregar produtos da mesma casa comercial.

Tamén recomendan eliminar os gromos secos que hai nalgúns viñedos debido ós fortes ventos, posto que poden favorecer a aparición de botrite. Ata o de agora, os viñedos tratados tampouco se viron afectados por black rot. Os expertos recomendan que no caso de detectar a enfermidade nas viñas, se empreguen nos tratamentos fronte a mildio ou oídio produtos que teñan tamén eficacia fronte a este fungo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información