Aproban a concesión de axudas de silvicultura a case 400 beneficiarios

Medio Rural destina 10,2 millóns de euros para esta liña de subvencións coas que se prevén actuacións en máis de 5.500 hectáreas. A maior parte do importe e a superficie concéntrase en propietarios da provincia de Ourense

Aproban a concesión de axudas de silvicultura a case 400 beneficiarios

Traballos silvícoals nun piñeiral. // Foto de arquivo.

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, acaba de comunicar a concesión de axudas en materia de silvicultura activa a case 400 beneficiarios por un importe superior aos 10,2 millóns de euros, para unha superficie de actuación de máis de 5.500 hectáreas. A provincia de Ourense aglutina a maior parte das subvencións, ao representar tanto a metade do orzamento distribuído como a metade das hectáreas nas que se levarán a cabo ditos traballos silvícolas.

Estas achegas están dirixidas a executar rareos e podas en masas de coníferas, así como a tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración ou mellora de soutos de castiñeiro. Trátase maioritariamente de axudas destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, montes indivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (Sofor) e propietarios particulares de xeito individual. Nesta convocatoria priorizaron a xestión forestal sustentable así como aqueles montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal, que obtiveron a máxima puntuación.

Se se analiza os beneficiarios por provincias, en Ourense contabilízanse 149 expedientes para 2.737,17 hectáreas, cun importe de máis de 5 millóns de euros. En Lugo foron 102 expedientes para 1.119,92 hectáreas, cunha achega total de máis de 2 millóns. No caso de Pontevedra hai 97 beneficiarios para actuar en 1.146,20 hectáreas cunha axuda global de máis de 2 millóns. Por último, na Coruña aprobáronse 45 expedientes para traballar en 524,97 hectáreas cun importe de case 1 millón de euros. Así, no conxunto de Galicia son un total de 393 expedientes aprobados, para unha superficie de actuación de 5.528,26 hectáreas, por un importe de máis de 10,2 millóns de euros.

Estas axudas están bianualizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (arredor do 90%) correspóndese ao primeiro semestre do vindeiro ano 2022. Segundo apuntan dende a Consellería de Medio Rural tomando man dos datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo.

Esta liña de axudas encáixase no cumprimento a varios eixes da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, como ao da contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais, que inclúe medidas tendentes a fomentar a aplicación dunha silvicultura activa como a aplicación dunha silvicultura próxima á natureza, a aplicación dunha silvicultura de frondosas xunto coa transformación de eucaliptais abandonados ou dunha silvicultura dirixida á conservación in situ de recursos xenéticos. Esta convocatoria tamén se engloba nas medidas do Plan Forestal para implantar tratamentos silvícolas que favorezan o crecemento da masa, entre outros, dentro do eixe relativo aos recursos forestais e á cadea monte-industria.

Outras liñas de xestión forestal

Doutra banda, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal tramitou ata o de agora pagamentos por máis de 14 millóns de euros nas diferentes liñas de axudas en materia de xestión forestal activa nos montes galegos, que presentaron o remate dos traballos neste ano 2021. En concreto, trátase das ordes bianualizadas convocadas e concedidas no ano 2020 referidas ás axudas para forestación de terras non agrarias, para silvicultura preventiva e elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal.

Una idea sobre “Aproban a concesión de axudas de silvicultura a case 400 beneficiarios

  1. Silvicultor

    Son axudas que este ano tardaron moito en resolverse, unha pregunta, onde se poden ver as publicacions dos beneficiarios. Ainda non se publicou no DOG ? por mais que miro non o dou atopado,

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información