Aprobadas as normas técnicas e distintivos para os produtos de Artesanía Alimentaria de Galicia

O DOG publica a orde na que se establecen os requisitos para a elaboración artesanal de produtos lácteos, cárnicos ou de pastelería, así como para as conservas vexetais, o mel, o chocolate, a sidra, a cervexa ou o aceite de oliva

Aprobadas as normas técnicas e distintivos para os produtos de Artesanía Alimentaria de Galicia

Establecidas as normas e requisitos daqueles produtos que queiran ter o distintivo de Artesanía Alimentaria

O DOG publica a orde da Consellería do Medio Rural pola que se aproban as primeiras 14 normas técnicas que veñen desenvolver o decreto que regula a artesanía alimentaria na nosa comunidade, así como os distintivos que identificarán os produtos artesáns, os produtos artesáns da casa e os produtos artesáns de montaña. A partir de mañá, as empresas destes sectores poderán inscribirse no Rexistro da artesanía alimentaria.

Estas normas recollen unha serie de requisitos para garantir a elaboración tradicional e unha coidada presentación, acorde coa súa condición de produtos que pretenden situarse entre os da gama gourmet. Nos establecementos distribuidores, estes produtos lucirán algún dos distintivos identificadores que se recollen tamén nesta orde, o que facilitará o seu recoñecemento por parte dos consumidores.

Ca orde do DOG quedan aprobadas as normas técnicas específicas do queixo, do iogur, do requeixo e dos xeados, dentro dos derivados lácteos; ademais doutra norma xenérica para derivados cárnicos, que englobará os embutidos, salgados, afumados, adubados, conservas cárnicas e patés. Haberá outra norma técnica para a sidra, outra para a cervexa, outra para as conservas vexetais e marmeladas e unha máis para produtos desecados de orixe vexetal.

A maiores, establécese unha norma técnica para o mel, outra para produtos de panadaría, confeitaría, pastelaría, bolaría e repostaría, outra para o chocolate e derivados do cacao, outra relativa aos produtos vexetais para infusión ou condimento e unha última sobre o aceite de oliva.

En cada unha das normas fíxanse, entre outras cuestións, as materias primas autorizadas, os procesos de elaboración permitidos e prohibidos, e o límite máximo de produción artesanal. Tamén se indica como debe ser a presentación e envasado, as especificacións para os produtos artesáns caseiros e os controis de calidade e a sistemática da rastrexabilidade necesaria para proporcionar aos consumidores todas as garantías.

No caso dos distintivos apróbase un xenérico para identificar os produtos de artesanía alimentaria de Galicia e outros dous específicos para diferenciar tanto os elaborados na casa como os de montaña. Sobre os caseiros, cabe lembrar que o decreto de artesanía alimentaria establece que son os que se elaboran utilizando como base fundamental as materias primas procedentes dunha explotación agraria ligada á empresa artesanal responsable do produto.

Pola súa banda, os produtos artesáns de montaña son os elaborados por empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas como ‘de montaña’, de acordo co que establece a normativa da Unión Europea.

logo_Artesania Alimentaria

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información