O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, confirmou hoxe a adhesión da empresa queixeira Maruxas de Nata ao selo de calidade Artesanía Alimentaria, ao facerlle entrega da licenza de uso deste distintivo e da carta artesá a Patricia Veiga, unha das súas responsables.
Así, esta firma súmase ás 80 empresas adheridas e ás 115 persoas artesás rexistradas neste distintivo de calidade promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.
O director destacou que os produtos desta firma de San Sadurniño poderán diferenciarse agora no mercado co selo de Artesanía Alimentaria. Este distintivo garantirá que a obtención das producións se rexe pola norma técnica pertinente, que recolle unha serie de requisitos relativos ás materias primas e aos procesos de elaboración autorizados, ao seu modo de presentación e a como deben ser a rastrexabilidade e o control.
José Luis Cabarcos lembrou que este selo de calidade diferenciada busca promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade, facilitar a diversificación económica das explotacións agrarias e o incremento do valor engadido das producións locais e mellorar as rendas e fixar poboación nos medios rural e litoral. Tamén fomentar métodos tradicionais de elaboración e desenvolver unha gama de produtos diferenciados de calidade, potenciar circuítos curtos de comercialización que permitan o contacto directo entre as persoas produtoras e as consumidoras e promover a visibilización e a participación activa das mulleres en todas as dimensións da actividade artesanal alimentaria.
No caso de Maruxas de Nata, o proxecto naceu co fin de promover tanto as pequenas producións como as elaboracións tradicionais artesás, para contribuír á conservación da cultura alimentaria local e á súa difusión. Así mesmo, busca pór de relevo o labor das mulleres na actividade artesanal alimentaria.
O seu produto, as Maruxas, son galletas tradicionais, ecolóxicas e artesanais, elaboradas por medio dunha receita tradicional galega. Na súa elaboración empregan unicamente materias primas de primeira calidade, sen aditivos nin conservantes e con selo ecolóxico, pois contan coa certificación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).
Ademais, a empresa foi premiada en varios certames tanto dentro coma fóra da península, sendo recoñecida co Alimentos de España 2011, o Superior Taste Award tanto do 2013 coma do 2013, ou o Gastronomía de Galicia 2022, entre outros.