As altas temperaturas dos primeiros días do outono estragan a campaña de castaña en toda Galicia

A produción veuse moi reducida pola calor que afectou tamén á sanidade do froito. En boa parte das zonas produtoras paralizouse xa a recollida. Reclaman medidas urxentes e un plan específico para protexer a produción de castaña galega

As altas temperaturas dos primeiros días do outono estragan a campaña de castaña en toda Galicia

Galicia agardaba que esta campaña da castaña fose unha das mellores dos últimos anos, logo de que a seca e a avespiña do castiñeiro, entre outras causas, lastraran xa as pasadas. A comezos de setembro, as perspectivas eran boas. Os castiñeiros estaban cargados de ourizos en case tódolos soutos galegos, porén a vaga de calor dos primeiros días de outono, con temperaturas históricas de máis de 30 graos e a humidade rexistrada, botaron por terra todas as esperanzas.

Produtores e industria coinciden en que está a ser unha campaña nefasta en toda Galicia. A campaña veuse resentida nas principais zonas produtoras e mesmo se paralizou xa a recollida pola pouca cantidade e mala sanidade da castaña, moi afectada por fungos.

A situación está a ser alarmante non só polos malos resultados desta senón porque sexan xa varios anos de colleitas pésimas. As industrias prevén que a facturación este ano poida chegar a caer en torno a un 70% con respecto do ano pasado. As valoracións dos produtores sitúanse no mesmo extremo.

“Hai un mes parecía que ía ser unha boa campaña, pero a recollida das castañas de cedo foi realmente moi mala, tanto en cantidade como en calidade, debido sobre todo á calor extrema das últimas semanas de setembro”, explica Jesús Quintá, presidente da IXP Castaña de Galicia e xerente da empresa Alibós, situada en Monterroso.

“Hai un mes parecía que ía ser unha boa campaña, pero a recollida das castañas de cedo foi realmente moi mala. O 50% da que caeu ata o momento está danada”: Jesús Quintá, presidente da IXP Castaña de Galicia

Así é que como sinala Quintá, a castaña que se recolleu ata o momento está moi danada. “O 50% do que caeu ata o momento está afectada, tanto por fungos coma por vermes”, explica. Con todo, Quintá non desbota que coa baixada das temperaturas e as choivas destes días poida mellorar minimamente a recollida das variedades de tarde. Agárdase que a campaña se prolongue, coma outros anos, ata mediados de novembro.

A situación nas zonas produtoras

Un repaso polas principais zonas produtoras de castaña de Galicia evidencia a mala campaña que se está a vivir. Nos soutos do Courel, o froito está moi danado. “Imos ter que dar por pechada a campaña case sen empezala”, explica Daniel Arza, socio de Caurelor, empresa especializada na venda de castaña e a elaboración de produtos ecolóxicos derivados tanto da castaña coma doutros froitos da comarca. Por sorte, tal e como apunta o produtor, este ano tiveron unha moi boa colleita doutras froitas, o que lle permite centrarse máis na elaboración destas, xa que a castaña, ó igual que os últimos anos, está a ser pésima.

En Manzaneda, na cooperativa Amarelante están comezando aínda coa recollida, pero as primeiras impresións tampouco son mellores. “O 60% da que caeu ata o momento era de mala calidade”, explica Óscar Freire, un dos integrantes da entidade. Co vento destes días agardan que caian máis castañas e ir valorando se son mellores, pero apuntan que a calor extrema lles afectou moito.

Na zona da Gudiña, a situación é moi semellante. A castaña está moi danada polos fungos. “A campaña comezou xa moi mal, despois de tanta calor e humidade. Tanto a cantidade como a calidade é moi baixa”, apunta José Manuel Guerra, un produtor de castaña desta zona. As perspectivas tampouco son boas para as de tarde, xa que os soutos vense moi afectados, con castiñeiros que xa están a perder a folla.

En industrias como Castañas Naiciña, situada en Chantada, apuntan a que a campaña pode verse moi afectada. Estiman que a facturación poida caer ata un 70% con respecto do ano pasado, pola mala sanidade que acusan as castañas. “Non é coma outros anos nos que había zonas máis afectadas, este ano non hai castaña en toda Galicia, en parte polas altas temperaturas que se rexistraron dende o 25 de setembro, pero tamén hai unha confluencia de causas como os efectos da avespiña na saúde dos castiñeiros e en gran medida a falta de profesionalización da maioría dos produtores, que fai que a campaña estea case totalmente perdida”, explica Miguel Areán, xerente da firma.

castaña

Mercado paralizado

O mercado está nestes momentos paralizado. “Hai moita escaseza de produto e os custes de produción para a industria están disparados”, sinala Quintá. A mala calidade motivou que nalgúns dos principais puntos de recollida estean xa a non recollelas.

Esta situación tamén provocou a caída dos prezos pagados ós produtores. Así, aínda que en zonas do sur e oriente de Ourense, principais produtores de castaña, os prezos iniciais se situaron arredor de 1,6 ou 1,5 euros o quilo, agora os poucos puntos que manteñen a recollida págana a 1 euro ou menos, cando o prezo habitual por determinadas variedades se sitúa por encima dos 2 euros.

Cómpre lembrar, que Galicia é unha das principais zonas produtores de castaña de España, cunha produción que se sitúa arredor das 20.000 toneladas de castañas nos anos previos ás campañas afectadas pola avespiña. Este volume xera arredor duns 30 millóns de euros de valor na comunidade.

Medidas urxentes

As altas temperaturas afectaron tamén a outras zonas produtoras de España, por iso dende a Red Estatal del Castaño, que está apoiada pola IXP Castaña de Galicia así como por boa parte das empresas dedicadas á comercialización e transformación da castaña tanto en Galicia, como Extremadura, Andalucía e Castela e León, piden ó Ministerio de Agricultura que avalíe a situación dos castiñeiros e tome medidas urxentes para frear as perdas.

Apuntan que este verán se detectou un incremento dun cóctel de patóxenos nos soutos, entre os que se atopa a Gnomoniopsis sithogilvyi, que se transmite ó froito e que provoca unha importante perda da produción. A presenza destes patóxenos, sumada ós efectos da seca e dos danos da avespiña nos castiñeiros está a resentir as campañas. “O sector leva sufrindo perdas superiores ó 60% varios anos tras a irrupción da avespiña”, explican. Ademais da reunión a nivel estatal, as organizacións rexionais tamén reclaman encontros coas administracións autonómicas.

A Red Estatal del Castaño pide unha reunión urxente co Ministerio e produtores de Lugo impulsan unha recollida de sinaturas para declarar a zona como catastrófica

Por outra banda, en Lugo estase a impulsar unha campaña de recollida de sinaturas para declarar a zona como catastrófica ante as perdas rexistradas e que poidan habilitarse axudas para o sector. A medida foi iniciada por produtores de castaña e o enxeñeiro agrícola Pablo Fraga, xerente da firma Campolab, de Outeiro de Rei.

Plan para protexer a produción de castaña en Galicia

Dende Unións Agrarias acaban de remitir á Consellería de Medio Rural un informe no que alertan da situación crítica dos soutos de produción de castañas en Galicia. O escrito deixa constancia do encadeamento de 6 anos de colleitas catastróficas motivadas por distintos factores, (a seca no pasado ano 2022, a antracnose do castiñeiro no 2021, o impacto da avispilla Dryocosmus no 2020, 2019 e 2018, e seca e xeadas no 2017).

“Ante esta situación é preciso que a Administración dea un paso á fronte e poña en marcha medidas, para que a castaña siga a ser un importante recurso no interior e na montaña, e que Galicia siga a ter unha posición líder na produción deste froito”, valoran dende a organización agraria.

Reclaman a posta en marcha dun plan específico para protexer a produción de castaña en Galicia que debe artellarse en varias fases. Apuntan á necesidade de desenvolver novos portaenxertos híbridos que permitan o enxertado seguro do castiñeiro resistentes á enfermidade da tinta, e seguir coa investigación na propagación vexetativa do castiñeiro. A medio prazo piden desenvolver e aplicar novas vacinas para o cancro do castiñeiro, adaptadas ás condicións das comarcas produtoras de Galicia e seleccionar variedades de castaña resistentes á seca e ás altas temperaturas.

Unións pide accións para mellorar a sanidade dos castiñeiros e diagnosticar as causas da caída da produción nesta campaña para poder tomar medidas axeitadas

Para UUAA o mais urxente é diagnosticar as razóns da caída da produción do presente ano en cada comarca, chegando a unha certeza científica de si o problema é unha patoloxía fúnxica, unha praga, o déficit hídrico no chan, ou unha combinación das causas. Para iso as autoridades de sanidade vexetal deben de aconsellar para a optimización da rega, ou a recollida e retirada de follas e ourizos para evitar vectores de transmisión e habilitar tratamentos preventivos en futuras campañas.

Tamén solicitan que o castiñeiro e as súas patoloxías se inclúa nas alertas fitosanitarias periódicas da Consellería, con recomendacións de tratamentos e dispoñer liñas de axudas que permitan o despregue das medidas fitosanitarias e axudas directas aos produtores para compensar as perdas da presente campaña.

Profesionalización dos produtores

Unha das reclamacións que levan anos facendo dende a industria de comercialización e procesamento da castaña, así como dende IXP Castaña de Galicia é a necesidade da profesionalización dos produtores, para poder atallar dun xeito máis directo as trabas que se lle presenten ós soutos galegos, tanto a nivel sanitario, como das inclemencias meteorolóxicas como a seca. “Precisamos que os produtores deixen de ver a castaña como algo que cae no outono e para o que non teñen que facer máis nada todo o ano. Salvo honrosas excepcións de produtores que están apostando por producir castaña de calidade, hai moi poucos produtores profesionais”, apuntan.

Sinalan a necesidade de realizar tratamentos culturais nos soutos que permitan ter castiñeiros máis sans. “Galicia é o principal produtor de castaña, pero a falta de profesionalización dos produtores está facendo xa que outras zonas como Extremadura, onde hai grandes profesionais busquen ocupar ese espazo”, explica Miguel Areán, xerente de Castañas Naiciña, unha das principais industrias transformadoras.

Xunto con Extremadura, Portugal tamén é un referente en canto ó coidado dos soutos. Así, pese a que ambos territorios sufriron tamén a seca e están a ter incidencia de pragas, conseguirán salvar maior produción que en Galicia.

Apuntan á necesidade da profesionalización dos produtores e tomar como referentes territorios como Portugal e Extremadura, onde están a apostar por un maior coidado dos soutos

Entre as principais problemáticas que debe afrontar o sector produtivo está a regularización da actividade, xa que gran parte desta recollida aínda se fai como unha actividade somerxida, sen rexistros, nin censos e sen declarar ditos ingresos. Dende a industria tamén reclaman que as novas plantacións se fagan téndoos en conta, xa que boa parte delas estanse facendo de costas ós transformadores e con castañas que non se adaptan ás súas necesidades ou ós ritmos deste mercado. “Estannos ofrecendo castaña xa a comezos de setembro cando aínda non recollemos porque o mercado está pechado e a esa castaña se logo lle ven calor non resistirá”, explican.

Tanto dende a industria como na IXP Castaña de Galicia insisten na importancia desta profesionalización dos produtores para evitar que o sector remate por desaparecer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información