Agromuralla sitúa en 60 céntimos o prezo mínimo de renovación dos contratos lácteos

Fai pública unha estatística de custos de produción con datos reais de explotacións socias onde se constatan as subas producidas no último ano do 292% nos fertilizantes, o 81% no gasóleo, ata o 60% na seguridade social, o 31% no penso e os plásticos dos silos ou o 27% na electricidade

Agromuralla sitúa en 60 céntimos o prezo mínimo de renovación dos contratos lácteos

José Luis Pérez Barreiro, presidente de AGROMURALLA

A dúas semanas da renovación da maioría dos contratos de compra de leite en Galicia, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla di que o prezo do leite para todo o ano 2023 “non pode baixar de 60 céntimos”.

Agromuralla recomenda aos seus socios que non asinen contratos por baixo desa cifra e pídelles “que fagan uso do poder de negociación que lles ofrece a lei e unha coxuntura de mercado favorable na que segue faltando leite”.

Por iso, dende Agromuralla pídese aos produtores “que non se deixen influenciar pola estratexia premeditada que están a levar a cabo as industrias para tentar revisar á baixa os contratos que rematan o vindeiro 31 de marzo”. 

Incremento desmesurado dos custos

Agromuralla afirma que “os custos de produción seguen á alza, polo que os prezos do leite teñen que manterse nos niveis actuais” para que as explotacións poidan facer fronte a estes incrementos e seguir producindo leite, xustifica o seu presidente, José Luis Pérez Barreiro. 

Segundo os datos facilitados pola asociación de gandeiros, en base aos custos reais das súas granxas socias, no último ano productos como os fertilizantes viron triplicado o seu prezo, pasando de 230€/tonelada en xaneiro de 2022 a 900€ a día de hoxe. 

O mesmo aconteceu co gasóleo, que pasou no mesmo periodo de 0,73 céntimos a 1,32€ (unha suba do 81%), ou o recibo de autónomos, que se increntou ata nun 60%, os pensos (un 31,5%), os plásticos dos silos (un 31%), ou a electricidade (un 27%). 

“Con estes custos de produción ningunha explotación láctea debería cobrar o litro de leite a menos de 60 céntimos porque estaría en risco a súa viabilidade económica”, asegura Agromuralla, xa que “os custos das granxas están a subir en porcentaxes moi superiores á inflación media e á revalorización que se ten producido no prezo do leite”, afirma José Luis Pérez Barreiro. 

Risco de caída drástica na produción de leite

A asociación de gandeiros aproveitou para mandar tamén unha mensaxe á industria láctea e aos consumidores. “Se as empresas queren ter garantido o seu subministro de leite o prezo pagado ao gandeiro non pode baixar porque do contrario estará en perigo toda a cadea láctea”, din. 

“Se o prezo do leite baixa de 60 céntimos as explotacións deixarán de ser viables”, afirma Pérez Barreiro, o que levaría de novo ao que Agromuralla define como “Operación Chuletón”, é dicir, “ao sacrificio masivo de vacas leiteiras”.

“A cabana gandeira non deixou de minguar no último ano, caendo en torno a un 8%, e sen vacas é imposible que se poida producir leite. Ese é o motivo de que a produción de leite caera un 3% no último ano en España”, asegura o presidente de Agromuralla. Polo tanto, di, “neste momento segue faltando leite no mercado, unha situación que non se vai reverter a curto prazo”. 

“A falta de rendibilidade sufrida nos últimos anos fixo que o sector non sexa atractivo para as novas xeracións, que buscan outras alternativas laborais en vez de quedar nas explotacións. Hai un problema acuciante de relevo xeracional e seguen pechando granxas”, evidencia José Luis Pérez Barreiro, que afirma que “só con prezos do leite que permitan unha vida digna aos gandeiros haberá mozos e mozas interesados en continuar producindo leite”, asegura Agromuralla. 

Especulación cos alimentos básicos nos supermercados

En canto aos consumidores, Agromuralla dilles que “os gandeiros non son os culpables do incremento da cesta da compra”, senón “as cadeas de distribución, que están a especular cos alimentos básicos incrementando as súas marxes de beneficio”. 

“É suicida tirar pedras contra quen che dá de comer, por iso non entendemos como moitas veces os agricultores e gandeiros somos atacados inxustificadamente por determinados sectores da sociedade”, argumenta José Luis Pérez Barreiro. 

Agromuralla quéixase da aprobación de novas normas e lexislación cada vez máis restritiva que fai que sexa máis difícil producir leite e a un custo maior. “Cada día temos máis dificultades para seguir coa nosa actividade diaria”, afirma o seu presidente. 

Ademais, a asociación de gandeiros acusa ao Goberno central de “amputar” o 4% do IVE ás granxas produtoras de leite como “medida propagandística e electoral que non serviu para baixar o prezo do leite nos liñais dos supermercados” e sen embargo “está a castigar aos produtores”. “A rebaixa do IVE é un esforzo que fai integramente o gandeiro reducíndolle drásticamente o seu circulante ás explotacións”, quéixanse. 

Críticas á Xunta e ao Goberno central

Desde Agromuralla lanzan duras críticas tanto á Xunta como ao Goberno central por “abandonar aos gandeiros á súa sorte de cara á inminente renovación de contratos”.

“A Xunta dedícase a lanzar mensaxes triunfalistas e a facer públicos informes de dubidosa obxectividade situándose a carón das industrias e non dos gandeiros, mentres a AICA, dependente do Ministerio, mira para outro lado ante os incumprimentos flagrantes das empresas na presentación das ofertas aos gandeiros, algo que limita claramente a capacidade de negociación das granxas”, denuncia José Luis Pérez Barreiro.

Agromuralla lembra que as industrias teñen obriga de facer chegar ao produtor a súa oferta con alomenos dous meses de antelación, un prazo que as industrias non están a cumprir, polo que pide á AICA que actúe de oficio ante este “incumprimento da lei”. 

Agromuralla EVOLUCIÓN COSTES GRANJA VACUNO DE LECHE 2022-2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información