Agaca presenta estudo sobre pegada de carbono e hídrica das ganderías de vacún de leite galegas

O vindeiro martes 12 de xullo terá lugar a xornada Sostibilidade, Pegada de Carbono e Pegada Hídrica na produción de leite, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agraoalimentarias (AGACA). Será no Hotel OCA Puerta del Camino (Santiago de Compostela), de 09:00 a 17:30h.

O primeiro relatorio centrarase na presentación dos cálculos da pegada de carbono e a pegada hídrica de 100 explotacións do sector vacún de leite, a cargo de Gumersindo Feijóo, catedrático de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), entidade que colaborou con AGACA no estudo.

A xornada continúa cun relatorio sobre agrosilvicutura para mellorar o carbono no solo (ás 11:15h.) e outro sobre carbon farming (ás 12:00h.), e coa presentación do proxecto europeo GO-GRASS no que participa AGACA, que busca novos usos para a herba, tales como briquetas, biochar, camas e concentrado de proteína para animais e papel (ás 12:45h.).

Pola tarde, de 16:00 a 17:30, as intervencións centraranse na previsión, cálculo e regulamentación do cambio climático e en estratexias para redución de pegada de carbono.

A Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, Silvestre Balseiros, participarán na xornada.

A iniciativa forma parte do proxecto “Mellora da competitividade das explotacións de gando vacún leiteiro mediante asesoramento para a redución da pegada de carbono e a pegada hídrica”, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, xestionado pola Confederación Empresarial Española de la Economía Social (CEPES).

Conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, mediante a convocatoria de subvencións dirixidas a entidades e empresas da economía social para o desenvolvemento de proxectos destinados á creación de empresas e entidades da economía social ou á mellora da competitividade e o apoio á consolidación empresarial destas.

AGACA PEGADA CARBONO HIDRICA VACUN LEITE 1 AGACA PEGADA CARBONO HIDRICA VACUN LEITE 2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información