Acruga cifra unhas perdas duns 350 euros por exemplar de Tenreira Galega Suprema que levan ó matadeiro

Desde a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega informan que producir un quilo desta carne custa ao redor de 6 euros, mentres que se paga arredor de 4,60 euros

Acruga cifra unhas perdas duns 350 euros por exemplar de Tenreira Galega Suprema que levan ó matadeiro

Exemplares de Rubia Galega. // Foto de arquivo.

O presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, César Dorado, cifra unha perda media de 350 euros en cada exemplar de Rubia Galega que se leva ao matadoiro, cun peso medio duns 250 quilos de carne e que se comercializa baixo o selo de Ternera Gallega Suprema. 

Así, dende o colectivo estiman que producir un quilo de carne desta calidade custa uns 6 euros, mentres que o prezo por quilo está a pagarse agora entre 4,60 e 4,80 euros, no mellor dos casos. “Actualmente os gandeiros de Rubia Galega atópanse producindo a perdas, cun déficit de 1,40 euros por quilo, e vendendo moi por debaixo dos seus custos de produción, o que a longo prazo supón pagar do seu peto uns 350 euros por cada exemplar que levan ao matadoiro”, explica César Dorado.

O presidente deste colectivo, que comercializa carne baixo a marca Ternera Gallega Suprema – Carne de Rubia Galega, reclama unha vez máis ás administracións que senten a dialogar para adoptar as medidas necesarias que poñan fin a esta situación.

Dorado Pin lembra que no último ano o prezo da tonelada de penso viuse incrementado en máis de 100 euros por tonelada, é dicir máis dun 40% do seu custo; o gasóleo, que representa un 20% dos gastos de produción, dobrou o seu prezo, mentres que os abonos e plásticos agrícolas aumentaron a súa contía en máis dun 60%. “Todo isto fai que os custos de produción se incrementasen de maneira considerable, custando máis de 6 euros producir un quilo de carne desta cualificación”, detalla Dorado. 

O presidente desta asociación sinala ademais que “a situación actual vén apontoar un panorama que xa era malo nos últimos anos”. De feito comenta que “os prezos de venda da carne mantéñense en niveis de hai 30 anos”.

Por último, dende o colectivo, fan fincapé en que “esta situación condena á desaparición a miles de ganderías tradicionais que basean a súa produción no aproveitamento do pastoreo e na que os animais maman nas súas nais ata o momento en que van ao matadoiro. Creo que isto non só afectará os gandeiros de Rubia Galega, senón que condenará ao abandono do medio rural”, sentenza César Dorado. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información