A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) renovou o convenio que mantén coa Deputación de Lugo para a recría de animais puros na granxa Gayoso Castro. A institución provincial destinará 172.000 euros ao ano, durante as anualidades de 2023 a 2026, co obxectivo de seguir apoiando á raza autóctona de carne.
Desde Acruga sinalan que este convenio tamén supón unha importante axuda para os gandeiros de raza loura, aos que a asociación compra xovencas seleccionadas de poucos meses destinadas ao centro de recría da Deputación. Alí, unha vez preñadas, ofrécense en poxas aos gandeiros que se incorporan á raza ou aos que precisan de máis animais de calidade para a súa explotación. Nos últimos catro anos adquiríronse desta forma un total de 360 animais de alto valor xenético a ganderías socias de Acruga.
A recentemente acordada renovación supón seguir un camiño que comezou en 2007 coa firma do primeiro convenio, cando o centro de recría de Castro Riberas de Lea comezaba o seu funcionamento cun rabaño pequeno. Desde entón, con altibaixos debidos sobre todo a inmobilizacións do gando por probas de saneamento, a actividade na granxa e a venda de animais en poxas mantiveron unha continuidade.
Evolución de poxas
Durantes estes anos, aumentou tanto o número de poxas celebradas cada ano com os prezos medios dos exemplares. Naqueles primeiros anos, o prezo medio dunha xovenca preñada era de 1.470 euros, unha cantidade que foi subindo, do mesmo xeito que os prezos de saída, e levou a pechar o 2022 cun prezo medio de 2.380 euros.
No que vai de ano, a pesar das inmobilizacións de gando e a supresión de poxas pola lingua azul, tiveron lugar sete poxas de xovencas preñadas, nas que se venderon todos os exemplares presentados, 37 animais, logrando un prezo medio de 2.519 euros, nun ano complicado para a gandería polos altos custos de produción.
Axudas para xovencas de primeiro parto
Outro convenio no que está a traballar Acruga é na renovación coa Deputación de Lugo das axudas directas para xovencas de primeiro parto que se incorporen ao Libro Xenealóxico da raza. Desta forma, as ganderías de Rubia Galega contarían cun apoio adicional, e as axudas contribuirían ademais a aumentar o atractivo da raza para as granxas. A previsión é que a estas axudas se destinen 1,4 millóns de euros para os próximos 4 anos.
A Asociación incide nun comunicado na importancia de manter a pureza xenética da Rubia Galega, para o que sinala que está a proceder a controis de filiación e a xenotipado dos animais que incorpora á granxa de recría Gayoso Castro.
A firma deste convenio, subscrito pola directiva que preside César Dorado, coñeceuse uns días despois de que o xulgado de Lugo decretase a anulación das últimas eleccións a Acruga, unha sentenza que recorreu a actual directiva.