Aceites Abril incrementa un 15% a súa recollida de oliva galega

Por cuarta campaña consecutiva, a empresa familiar ourensá aumenta a recollida de oliva galega e alcanza os 45.000 quilos. Agardan sacar ó mercado unhas 10.000 botellas de aceite galego

Aceites Abril incrementa un 15% a súa recollida de oliva galega

Recollida de olivas en plantacións galegas da empresa Aceites Abril.

A campaña 2021 preséntase con boas perspectivas para a empresa galega Aceites Abril, que prevé alcanzar unha produción de 45.000 quilogramos de oliva para a elaboración de ‘Colleita Propia’, o seu aceite de oliva 100% galego. Nesta campaña agardan acadar as 10.000 botellas de medio litro desta edición limitada.

A cifra, que se confirmará unha vez termine a campaña de recolección a principios de decembro, supón un incremento de practicamente un 15% con respecto á colleita da campaña anterior, na que case se alcanzaron o 40.000 quilos. O incremento da produción deste ano debeuse a que gran parte dos oliveirais incluídos neste proxecto atópanse en plena produción. Agardan que esta tendencia se siga consolidando nas próximas campañas de recollida de froitos.

A nivel de consumo tamén notaron un incremento da demanda do seu aceite galego. “A pandemia motivou un cambio de tendencia nos consumidores, cun incremento na colaboración e púxose encima da mesa a importancia dun consumo responsable, das economías locais e da calidade”, reivindica Elena Pérez Canal, responsable de márketing e exportacións da firma. Así, en outubro esgotaron as existencias da colleita anterior do seu aceite galego.  A súa Colleita Propia póñena á venda a partir de decembro e comercialízana tanto en tendas de alimentación especializada como na súa propia tenda on-line.

Máis de 200.000 oliveiras

Durante a visita aos oliveirais, Elena Pérez Canal destacou a firme aposta e compromiso da empresa ourensá por este proxecto, a través do cal vertebran a súa aposta pola recuperación das oliveiras de Galicia xunto a máis dun centenar de produtores locais.

Levan máis dunha década con este proxecto que xurdiu do compromiso da firma coa contorna. “Colleita Propia é o compromiso co medio rural, co coidado dos montes, coa creación dunha barreira natural contra o lume, con favorecer a fixación de poboación no rural, cos produtos locais e a economía de proximidade. En definitiva, ligar a nosa actividade produtiva ao compromiso coa nosa contorna. E a través do proxecto Colleita Propia pretendemos dar visibilidade ás prácticas sustentables ao redor do sector agroalimentario”, reivindican dende a empresa familiar.

No marco do proxecto Colleita Propia platáronse unhas 140 hectáreas de oliveiras en concellos e comorcas como Verín, Valdeorras, Quiroga, Ourense, Caldas de Reis, Deza ou O Salnés 

Baixo o proxecto Colleita Propia, ao longo de máis dunha década, plantáronse máis de 200.000 plantas en comarcas de Verín, Valdeorras, Quiroga, Terras de Lemos, O Ribeiro, Ourense, Ou Baixo Miño, O Salnés, Caldas de Reis, Deza e Carballiño, que conformarían unha superficie aproximada de 140 hectáreas de oliveiras.

Aceite Colleita Propia elaborado só con olivas galegas.

Aceite Colleita Propia elaborado só con olivas galegas.

No marco desta iniciativa, dende a empresa teñen o compromiso de compra da produción a un prezo superior á media nacional por parte de Aceites Abril. Ademais, ofrécenlle aos pequenos produtores o estudo de viabilidade das súas parcelas (informe de campo, recollida de mostras, análises do chan e tratamento de datos climáticos), así como asesoramento técnico e formativo.

Todo o traballo que hai detrás deste proxecto acaba de ser recoñecido polo Cluster de Comunicación de Galicia, que o nomeou finalista á Mellor Práctica na Comunicación da Responsabilidade Social Empresarial na VI edición dos Premios Paraugas, que se celebrarán este venres, 12 de novembro, en Expourense.

Selo de garantía

Co proxecto Colleita Propia tamén están a promover o uso da primeira e única certificación de carácter oficial que garante a produción do aceite oliva virxe extra con olivas procedentes exclusivamente de Galicia.

“É un dos primeiros pasos de cara á consolidación do sector olivarero galego e alicerce fundamental sobre o que construír un marco normativo que garanta a produción de aceites de oliva virxe extra procedentes de oliveiras do noso territorio, o que vén ser os primeiros pasos para a constitución dunha Indicación Xeográfica Protexida”, indican dende Aceites Abril.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información