A Xunta anuncia case 20 millóns en investimentos e axudas ao agro

Publicidade
Publicidade
A Xunta anuncia case 20 millóns en investimentos e axudas ao agro

Plantación de viñedo en Valdeorras

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou onte trala reunión do Consello de goberno que a Xunta destinará preto de 20 millóns de euros derivados dos recursos adicionais do cumprimento do déficit para, no rural, mellorar a base territorial das explotacións, contribuír a diversificar as oportunidades e responder a diversas necesidades conxunturais, así como, no eido da pesca, mellorar as infraestruturas portuarias.

Máis polo miúdo, Feijóo destacou que nos próximos meses se inxectará unha achega de 4,2 millóns de euros para pechar as concentracións xa moi avanzadas e para decretar novas zonas de reestruturación.

Nesta liña, levaranse a cabo varias obras que permitan poñer á disposición dos propietarios as fincas afectadas por distintos procesos de concentración parcelaria, e que facilitarán o acceso a fincas ou a mellora das comunicacións en máis de 36.000 hectáreas, beneficiando en total máis de 25.000 familias. “E, tamén decidimos iniciar os traballos en novas zonas de reestruturación parcelaria, actuando en máis de 8.700 hectáreas, que beneficiarán máis de 3.300 propietarios”, engadiu.

No eido das infraestruturas, o titular da Xunta precisou que a Administración autonómica destinará 4,5 millóns de euros para poñer a punto numerosas infraestruturas nun total de 25 concellos. E, co obxectivo de diversificar as posibilidades no agro, destinarase unha liña de 2,6 millóns de euros para plantar no rural galego preto dun millón de castiñeiros, en case 1.000 hectáreas e beneficiando case 700 familias.

En relación ao sector lácteo, o titular da Xunta avanzou a aprobación dunha liña de axudas directas aos titulares das explotacións que teñan dificultades financeiras derivadas da súa actividade. “Estamos a falar dunha achega de 3 millóns de euros para axudar a aquelas granxas que teñan dificultades derivadas dun préstamo vinculado á explotación: que tivera que ser refinanciado, que tivera ampliado o prazo de pago ou o período de carencia, que tivera unha resolución xudicial de execución de hipoteca e que tivera débedas con provedores”, explicou.

Por último, e axuo fin de minorar os danos de determinadas especies animais –especialmente o xabaril e o lobo- sobre os cultivos agrícolas, destinaranse ademais 2 millóns de euros a distintos labores de prevención e de axudas aos afectados.

Axudas para a reestruturación e reconversión do viñedo

A Consellería do Medio Rural anuncia que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará en breve unha nova convocatoria de axudas para a restruturación e reconversión do viñedo, cun orzamento de 1.750.000 euros, cofinanciados na súa totalidade polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).

Estas axudas aplicaranse ás superficies de viñedo da Comunidade Autónoma destinadas á produción de uva para vinificación, nas cales se leven a cabo tarefas de reconversión varietal, reimplantación de viñedos ou melloras das técnicas de xestión de viñedos.

O Consello da Xunta debateu este xoves un informe no que se recollen estas axudas, e o impacto que tiveron en Galicia no período 2000-2015, no que se beneficiaron delas un total de 9.300 viticultores e a superficie afectada foi de 4.131 hectáreas. Destináronse 60,6 millóns de euros a esta finalidade e a media de axuda por beneficiario foi de 6.524 euros.

Con esta orde de axudas perséguese acadar unha serie de obxectivos estratéxicos fixados na política de reestruturación de viñedos en Galicia. Entre eles están os reaxustes estruturais que fagan diminuír os custos de produción nas explotacións vitícolas onde predomina o minifundio. Tamén o de mellorar as técnicas de xestión dos viñedos e adaptar as explotacións ao mercado a través de melloras varietais, ao mesmo tempo que se preservan as variedades viníferas autóctonas de menores rendementos e de elevada calidade diferenciada, aproveitando deste xeito a gran vantaxe competitiva que supón a diferenciación nun mercado cada vez máis globalizado.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información