A Limia ultima a colleita da pataca cunha produción mellor da agardada

Publicidade
A Limia ultima a colleita da pataca cunha produción mellor da agardada

Recollendo pataca na Limia

Os agricultores da Limia apuran estes días a colleita da pataca mirando ao ceo pendentes de que non chova. Entre hoxe venres e mañá sábado agárdase recoller arredor do 80% do tubérculo na principal comarca produtora de Galicia. As previsións son que a colleita baixe no entorno do 10% respecto ás arredor de 90.000 toneladas do ano pasado e cunha excelente calidade sanitaria e bo tamaño comercial.

Mellóranse así as previsións dun ano se prevía como moi malo, tralas intensas choivas de primavera que estragaron boa parte da colleita de trigo e atrasaron a sementeira da pataca mesmo ata o mes de xullo.

Neste momento, a colleita da pataca céntrase na zona da antiga lagoa de Antela, onde o sistema de regadío permitiu salvar a colleita. Servando Álvarez Pousa, director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo de Limia, explica que “onde máis baixou a produción foi nas zonas de secaño, onde non hai regadío, e nas que xa se levantou a pataca, con baixadas de produción na variedade Kennebec de ata o 50%, pasando das 40 ás 20 toneladas por hectárea”.

A colleita baixará arredor dun 10%

Sen embargo, nas parcelas de regadío que se están colleitando agora a produción é moito mellor. “Estas fincas sementáronse en maio, xuño e mesmo en xullo: nas que se plantaron antes a produción mantense no entorno das 50 toneladas por hectárea, e nas que se sementaron máis tarde a produción si que está baixando en torno a un 30%”, explica o responsable do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro. “A día de hoxe a produción baixaría arredor dun 10%”, estima Servando Álvarez.

Un verán inusualmente seco favoreceu un bo estado sanitario do tubérculo, con moi pouca afectación de enfermidades fúnxicas, mentres que as choivas da pasada semana abrandaron a terra, facilitando as labores da colleita e reducindo os golpes da pataca.

En canto ao tamaño, Servando Álvarez salienta que “se ben é certo que son algo máis pequenas que o ano pasado, o bo é que case toda a produción se considera comercial, ao haber moitas menos patacas que pasen do calibre”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información