A integración cooperativa sae adiante sen Xallas

As asembleas de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto aproban por unanimidade a súa participación nunha cooperativa de segundo grao. Na cooperativa de Santa Comba, en cambio, foi unánime a oposición ó proceso

A integración cooperativa sae adiante sen Xallas

Asemblea de Feiraco esta mañá.

Os socios de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto aprobaron por unanimidade o inicio dun proceso de integración cooperativa entre as tres sociedades. Cáese do proxecto a cooperativa Xallas, na que a oposición á integración foi tamén maioritaria. Se en Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, as asembleas de socios ratificaron esta mañá a súa participación nunha futura cooperativa de segundo grao por máis dun 96% de votos, en Xallas a porcentaxe de oposición rondou o 90% dos votos.

O proceso de integración segue adiante, por tanto, con Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto. As tres cooperativas teñen a intención de ter constituída a nova sociedade para o 1 de xaneiro do 2017. Nunha primeira fase, os seus esforzos centraranse en unificar actividades como a fabricación e comercialización de pensos, así como os servizos técnicos que se lles ofrecen ós socios. O obxectivo final pasa tamén por abordar en conxunto a industrialización do leite das tres cooperativas.

A saída de Xallas do proceso hai que entendela por un conxunto de factores, principalmente por un temor dos socios a un empeoramento da xestión. Os gandeiros da cooperativa de Santa Comba están satisfeitos coa súa situación actual, pois gozan de prezos de penso máis baratos que outras entidades do entorno e teñen un acordo de venda do leite con Leche Celta que consideran positivo. Entre as granxas de Xallas había medo a que a integración lles repercutise negativamente.

Doutra banda, os socios entenden que a cooperativa mantén así a súa autonomía económica, cunhas contas saneadas, así como a súa capacidade de decisión.

Perspectivas
De cara ó futuro, as perspectivas do proceso de integración cooperativa en Galicia son optimistas. Ás tres cooperativas que ratificaron hoxe o inicio do proxecto, probablemente se sumen máis nos próximos meses. Cooperativas do Deza xa anunciaron o seu interese na integración e os contactos iniciaranse previsiblemente este mes de cara a valorar posibilidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información