Os gandeiros continúan a tractorada e fan noite en Lugo

Os manifestantes seguen a rodear a muralla cos seus tractores e deciden botar a noite. Preto de 200 máquinas atrancaron unha das plantas de Leite Río no Ceao durante máis de catro horas

Logo de 2 meses de protestas con escasos resultados, o enfado e a desesperación dos gandeiros vai a máis. Tanto que hoxe decidiron subir un chanzo na escalada de protestas e organizáronse para operar á marxe do programa oficial da tractorada prevista para Lugo. A idea inicial era rodear a muralla cos tractores e botar alí ata as 17 horas, pero pasadas ás 20 horas, os gandeiros seguían alí e ás 22.30 horas acordaron en asamblea seguir toda a noite. Os manifestantes pediron na asamblea a visita da conselleira do Medio Rural e acordaron volver reunirse este venres ás 10.30 da mañá ante o edificio multiusos da Xunta en Lugo. Ademais, preto de 200 tractores bloquearon durante máis de 4 horas unha das plantas de Leite Río no polígono do Ceao.

Os tractores rodearon os máis de 2 quilómetros da muralla. Parte deles non puido acceder á ronda, ó estar xa chea.

Os incidentes da tractorada iniciáronse sobre as 13.30 horas, cando un grupo duns 200 tractores procedente de distintas comarcas de Lugo (Terra Cha, Chantada, Guitiriz, Palas, etc.) e da Coruña (Aranga) decidiu personarse no polígono do Ceao, ante unha das factorías de Leite Río, en lugar de acudir á protesta oficial.

Os gandeiros, que se amosaron críticos coa protesta organizada polos sindicatos agrarios, quixeron protestar no Ceao polas baixadas de prezos que está a aplicar Lence, así como polas súas polémicas declaracións, nas que aseguraba que os gandeiros se manifestaban porque lles “gusta a festa”. “Abandona agora a recollida de cisternas”, retaban os produtores concentrados, recordando o leite que se tivo que tirar en comarcas coma o Deza ou Teixeiro polo abandono da súa recollida por parte de Leite Río.

Os gandeiros acordaron pasar a noite en Lugo.

Os gandeiros acordaron pasar a noite en Lugo.

Os tractores, tras un rifirafe coa Policía Local, lograron bloquear a entrada a Leite Río pasadas as 14.30 horas. A factoría xa estaba entón protexida por varios furgóns de antidisturbios e o máximo responsable de Río, Jesús Lence, tratou de abandonar a factoría nos primeiros intres do bloqueo, cousa que non conseguiu, polo que tivo que volver a aparcar o coche e introducirse de novo na planta entre os apupos dos gandeiros. “Vén á festa, que traemos whisky”, reclamábanlle os produtores entre outras ‘lindezas’ varias.

O whisky non se viu, pero si un equipo portátil de sonido que amenizou uns minutos a tractorada con varias pezas de música latina. “Pon aí que se Lence non vén á festa, traémoslla nós”, pídenos un gandeiro. “Sólo quiero darte un beso”, prometía unha das letras, aínda que as intencións dos produtores con Lence parecían menos cariñosas. “Lence, paga a cota da festa e sobe o prezo do leite”, demandaba un gandeiro. “Tráenos á Panorama”, pedía outro.

Lence tratou de abandonar a factoría, pero ante o bloqueo, deu volta.

Lence tratou de abandonar a factoría, pero ante o bloqueo, deu volta.

Entre consigna e consigna, os produtores, a maioría mozos na trintena, botaban contas. “A 24 céntimos o litro de leite pérdense moitos cartos. Con 27 céntimos cúbrense os gastos normais pero non se dá feito fronte ás campañas do millo e da herba, e en canto non podes pagar unha campaña, estás afundido”, valoraban entre eles. “A 30 céntimos séguense perdendo cartos”, engadía outro. O prezo medio actual en Galicia sitúase nos 27,9 céntimos, se ben máis de 2.500 gandeiros están a percibir menos de 26 céntimos. O Ministerio sitúa os custos de produción no entorno dos 34 céntimos litro.

Os carteis publicitarios que presiden a planta de Río anunciaban entre tanto ‘Leite de gandeirías sostibles’. “É sostible a túa gandeiría?”, preguntáballe un produtor a outro. “Se pagasen ben o leite…”.

Os manifestantes amosáronse tamén disconformes coas axudas de 300 euros anunciadas polo Ministerio de Agricultura para as explotacións con máis problemas. “Queremos que nos paguen o noso produto, non limosnas”, criticaban. Tampouco escaparon das críticas as organizacións agrarias, ás que os produtores do Ceao acusaban de estratexias moi conservadoras que “non valen para nada”.

“Pon aí que se Lence non vén á festa, traémoslla nós”, reclámanos un gandeiro

Sobre as 19 horas, parte dos tractores xa optaran por marchar e os restantes gandeiros, logo de falar entre eles, decidiron levantar o bloqueo ante o temor a sancións e a posibles cargas policiais. A actuación dos antidisturbios, que en ningún momento cargaron contra a protesta, foi ben valorada polos produtores, aínda que non así a orde que tiñan de protexer Leite Río. “Non sabía que defendiades propiedades privadas. Heivos de chamar para que me veñades vixilar o millo do xabarín”, anunciou un gandeiro entre os aplausos dos demais.

Desbloqueado o Ceao, os tractores continuaban rodeando a muralla de Lugo, onde estaba previsto nun principio que se retirasen ás 17 horas. Sen embargo, os produtores sobre as 20 horas estaban a falar de pasar á noite na muralla, sen retirar as máquinas, e ás 22.30 acordaron en asamblea continuar toda a noite e volver reunirse o venres ás 10.30 da mañá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información