A execución das parcelarias alóngase máis de 16 anos de media

O Valedor do Pobo cuestiona a lentitude dos procesos e insta á Administración autonómica a axilizalos e a priorizar aqueles de interese agrogandeiro. A concentración de Cobas, en Ferrol, sen rematar tras 32 anos.

A execución das parcelarias alóngase máis de 16 anos de media

Área de Cobas (Ferrol), que iniciou a parcelaria hai 32 anos. / Imaxe: Turgalicia.

O Valedor do Pobo está afeito a recibir reclamacións sobre as concentracións parcelarias, ben polo retraso na súa execución, ben por disconformidades en torno ás fincas de reemprazo ou por outros aspectos do proceso, pero unha das últimas queixas que lle chegou no 2014, a da zona de Cobas e Esmelle en Ferrol, sorprende pola súa lentitude. Trinta e dous anos despois do inicio, no 1983, a parcelaria segue sen culminarse. O Valedor, que consultou o estado do proceso coa Xunta, pronostica que a entrega de títulos se fará en maio deste ano.

A execución das parcelarias en Galicia supera os 16 anos de media, segundo os datos de fins do 2011 que manexa o Valedor. Daquela concluiranse en Galicia 747 procesos de concentración que agruparan máis de 350.000 hectáreas e había abertos outros 171 proxectos, que afectaban a máis de 120.000 propietarios.

A duración media dos procesos de concentración é considerada un problema polo Valedor do Pobo, que advirte tamén dun aspecto aínda máis grave que a lentitude: algunhas das concentracións rematadas perderon a súa potencialidade agrogandeira por ubicarse en áreas periurbáns ou despoboadas do interior de Galicia. “Débese modificar a vixente lei de concentración parcelaria para priorizar a súa execución naquelas zonas de vocación agrícola e gandeira”, valora o Valedor do Pobo no seu informe 2014, que vén de entregar nos últimos días no Parlamento de Galicia.

Sobre a concentración parcelaria da zona de Cobas, o Valedor consultou a situación coa Xunta, que xustificou os retrasos dos últimos anos en circunstancias derivadas da Rede Natura, da Lei de Costas e mesmo das obras do porto exterior de Ferrol. Os máis de 2.000 propietarios que concurren no proceso desta parcelaria recibirán en principio os seus títulos esta primavera, segundo as previsións da Administración autonómica.

Distancias das plantacións forestais

En temas agrícolas, outro motivo frecuente de queixas ó Valedor foron as distancias mínimas entre plantacións forestais e outros terreos e infraestruturas. En sete expedientes, dos 35 abertos na área de agricultura e gandaría, solicitábase a intervención do Valedor pola existencia de eucaliptos, mato ou masa forestal que incumplía as distancias mínimas fixadas na Lei de Prevención de Incendios (Lei 3/2007) e na Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012).

O Valedor indica que puxo en coñecemento da administración forestal e dos Concellos afectados a existencia destes casos. Outras dúas reclamacións recibidas no ámbito forestal referíanse a queixas de comunidades de montes veciñais pola liquidación de gastos derivados de convenios forestais de aproveitamento coa Administración. Examinados os expedientes, o Valedor conclúe que non se detectan irregularidades administrativas que xustifiquen a estimación da reclamación.

Una idea sobre “A execución das parcelarias alóngase máis de 16 anos de media

  1. Luís Vila

    As parcelarias son un dos principais exemplos da inoperancia e corrupción da Adminstración galega. A Xunta ten secuestrada a propiedade das persoas durante máis de 30 anos, cando as terras poderían ser unha saída para moita xente que o está a pasar mal. Unha vergoña.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información