A cooperativa AIRA pecha o 2021 cunha facturación de 148 millóns e un crecemento do 9%

A cooperativa acada unha facturación consolidada de 148,2 millóns de euros e medra por cuarto ano consecutivo logo de facer un importante recorte de marxes para conter o incremento dos custos de produción derivados da crise actual

A cooperativa AIRA pecha o 2021 cunha facturación de 148 millóns e un crecemento do 9%

Instante da asemblea celebrada esta mañá en Taboada (Lugo).

A cooperativa agrogandeira AIRA celebrou esta mañá a súa Asemblea Xeral Ordinaria en Taboada (Lugo) na que presentou as contas deste último ano ós seus socios e socias. A Cooperativa segue consolidándose como unha empresa líder e en plena fase de expansión, ó lograr este ano un crecemento do 9,1%. Aira continúa medrando a un ritmo sostible e nestes 4 anos dende que se formalizara o proceso de integración no 2018 logrou un crecemento do 39%.

Aira medrou en tódalas áreas de negocio, en especial naquelas de referencia para o sector agrogandeiro coma o leite ou o penso. A Cooperativa segue a manter o seu compromiso de valorizar a produción e servir de apoio ós máis de 2.900 socios e socias que integran a entidade. “Seguimos medrando e facémolo, como ven sendo habitual, a base de recortar as marxes de beneficio”, explica Daniel Ferreiro, director xeral de Aira.

Ademais, neste 2021 a Cooperativa buscou contribuír a afrontar o incremento dos custos de produción que se sufriu no agro. “Fixemos un esforzo adicional na Cooperativa coa intención de paliar o forte incremento que experimentaron os custos de produción. Buscamos conter os prezos tanto dos produtos coma dos servizos que se ofrecen na Cooperativa para mitigar o impacto que supón para as ganderías e explotacións socias”, concreta Ferreiro.

A cooperativa pechou 2021 cunha facturación consolidada de 148,2 millóns de euros, ó manterse como un referente nas áreas de negocio. Aira logrou un nivel de EBITDA de 5,6 millóns de euros, que permiten á Cooperativa afrontar o volume de investimentos que manexan e que ademais deixa un excedente neto de 2,4 millóns de euros, dos que máis do 50% se capitalizará ós asociados.

AIRA acadou no 2021 as previsións que barallaba e comercializou 115 millóns de litros de leite e tivo unha produción de 250.000 toneladas de penso. Ademais, a cooperativa destinou a investimentos nestes anos preto de 15 millóns de euros, poñendo especial interese na comercialización e transformación, así é que na planta de transformación do leite de Melide fixéronse inversións por valor de 24 millóns de euros.

Renovación do consello reitor

Á marxe da presentación das contas, outro dos temas incluídos na orde do día da Asemblea foi a actualización e modernización dos estatutos da Cooperativa para adaptarse ás necesidades e ritmos actuais. Ademais, procedeuse á renovación da metade dos cargos do Consello reitor, tal e como recollen os estatutos da cooperativa. O proceso foi ratificado polas socias e socios presentes e mantivéronse tódolos cargos, a excepción do segundo vogal, dado o cese de actividade, por xubilación do seu predecesor.

A cooperativa

AIRA é hoxe unha das cooperativas agrogandeiras máis importantes de Galicia e integra na actualidade a preto de 3.000 socios e socias. Xunto coas instalacións centrais situadas en Taboada (Lugo), a cooperativa conta con 15 delegacións repartidas principalmente na provincia de Lugo, así como na Coruña e Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información