A Consellería empezará a pagar esta semana as axudas por vacas nutrices e para dar liquidez ás explotacións lácteas

O importe total das axudas por vacas nutrices será de 12,5 millóns. Así o avanzou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias no Parlamento Galego. As axudas habilitadas pola UE para dar liquidez ás explotacións lácteas ascenderán a uns 10 millóns de euros

A Consellería empezará a pagar esta semana as axudas por vacas nutrices e para dar liquidez ás explotacións lácteas

Vacas de Rubia Galega en Fonlor (Pedrafita do Cebreiro)

A vindeira semana a Consellería do Medio Rural comezará a pagar as axudas destinadas ás explotacións gandeiras galegas que manteñen vacas nutrices por importe de 12,5 millóns de euros.

Así o anunciou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, en resposta a unha pregunta sobre o sector lácteo na Comisión 7ª do Parlamento galego, na que avanzou tamén que estas achegas chegarán a 9.282 beneficiarios galegos.

As axudas da UE para dar liquidez ás explotacións de leite beneficiarán a 8.614 gandeiros galegos

A directora xeral sinalou ademais que esta próxima semana empezará a facerse efectivo o pagamento das axudas habilitadas pola Unión Europea para dotar de liquidez ás granxas, por un importe para toda España de 25,5 millóns de euros, dos que case 10 virán para Galicia. Desta cantidade, beneficiaranse 8.614 gandeiros galegos do sector lácteo.

Indicou que adicionalmente tamén se tramitarán axudas acopladas do sector lácteo, que se aboarán tamén a vindeira semana, incrementando o número de beneficiarios, ao subsanarse deficiencias que non lles permitiran cobrar en novembro pasado.

Son axudas para as primeiras 75 vacas de 124 euros por animal, sen o límite anterior que había de ata 100 vacas. Serán 1.138 os beneficiarios destas achegas, por importe de 6,2 millóns de euros.

Tamén se tramitarán axudas acopladas de 124 euros para as primeiras 75 vacas

Segundo explicou a directora xeral, estas subvencións son parte das axudas que están a xestionar a Xunta e o Goberno Central para apoiar este eido produtivo. Entre elas, destacou o pagamento do anticipo das axudas da Política Agrícola Común (PAC) a preto do 85% dos beneficiarios en Galicia, o que suma un importe aboado de 69,8 millóns de euros. En total, recibiron estas achegas 27.890 agricultores e gandeiros, dos 33.034 solicitantes.

En canto aos pagos que están pendentes, asegurou que faranse efectivos unha vez resoltas as cuestións derivadas dos controis administrativos obrigatorios e concluídos os controis sobre o terreo.

Belén do Campo salientou que “Galicia foi a primeira Comunidade Autónoma de España en conseguir pagar o anticipo coa axuda acoplada do sector lácteo, axuda estratéxica para Galicia, e que comunidades como Valencia ou Cataluña non pagaron o anticipo, e outras como Asturias, Estremadura ou Castela A Mancha están significativamente por debaixo da porcentaxe de pagamento respecto a Galicia”. En todo caso, o percibir ou non o anticipo das axudas non condiciona o pagamento total ordinario en campaña de todos os beneficiarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información