A Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga) imparte o curso ‘Novas tecnoloxías aplicadas ao sector forestal: simulador de procesadora e autocargador’ para profesionais en activo do sector en Galicia.
Trátase dun curso práctico de 20 horas de duración que comezou o pasado día 1 de xullo e que se estenderá ata finais de mes nas instalacións de Fearmaga no Polígono de Costa Vella, en Santiago.
Con esta iniciativa tratan de formar aos profesionais do sector no uso de procesadoras forestais e autocargadores, incrementando as súas competencias e a produtividade da industria forestal galega.
Formación virtual para reducir os riscos
Os traballadores dispoñen de dous simuladores de realidade virtual que reproducen, nunha contorna interactiva, as accións e procesos que poden ocorrer nos traballos de aproveitamento forestal durante unha corta de madeira.
Os asistentes melloran a súa destreza nos movementos dos guindastres de autocargadores e procesadoras, adestrando formas de traballo eficientes e afondando no mantemento regular da maquinaria forestal.
Esta acción formativa, de tipo práctico pero realizada de forma virtual, minimiza os riscos nas sesións de adestramento de manexo de maquinarias forestais, xerando máis seguridade e confianza nos participantes.
Esta iniciativa enmárcase nun plan específico de formación de Fearmaga, destinado a acadar unha maior profesionalización, produtividade e competitividade do sector forestal galego, e inclúe diferentes accións formativas con temática demandada polo sector.