O Ministerio de Agricultura decidu ampliar o prazo de solicitude das axudas da Política Agraria Común (PAC) ata o 15 de xuño. Ata esa data, poderán presentarse as peticións e tamén modificarse as xa presentadas. A ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, dá así resposta ás demandas do sector, que viña advertindo nas últimas semanas da necesidade de ampliar o prazo, dado os retrasos que se registraron na posta en marcha das aplicacións informáticas que permiten a tramitación das axudas.
O Ministerio tivo en conta eses problemas, ási como que este é o primeiro ano do novo ciclo de axudas da PAC, con moitos cambios e con novos factores que deben de valorar as explotacións á hora de pedir as axudas, como é a introdución do pago verde.
A ministra, Isabel García Tejerina, anunciou a ampliación do prazo na Conferencia Sectorial de Agricultura celebrada onte: “A maior parte dos Estados membros pedíramos unha prórroga e, unha vez que sexa aprobada a nivel comunitario, non haberá ningún problema para facelo efectivo a nivel nacional”. O prazo de solicitude concluía inicialmente o 15 de maio.
Precisamente onte, Unións Agrarias volvera solicitar unha vez máis unha ampliación do prazo, xa que considera que a aplicación informática utilizada en Galicia para cursar as solicitudes presenta numerosos fallos.