Unha trintena de persoas participaron este xoves en Verín, na presentación do libro libro “As pedras que facían viño. Viaxe polos milenarios lagares rupestres de Galicia”, escrito por Luís e Alejandro Paadín.
Ao longo do acto, no que estivo presente a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva, así como representantes dos municipios de Verín, Oímbra, Laza e Monterrei, serviu de espazo para o anuncio da “creación dunha plataforma destinada a solicitar que os lagares rupestres ibéricos sexan declarados Patrimonio da Humanidade”, segundo anunciou Luís Paadín.
“Esta proposta fraguouse nun simposio de lagares rupestres realizado na localidade lusa de Valpaços, e a mesma está a ser secundada por persoas e entidades de Estremadura, A Rioxa e Galicia”, manifestou Paadín. “Esta plataforma -avanzou- crearase en breve, para que os lagares rupestres aspiren a ser Patrimonio da Humanidade, ao ser algo troncal no sector e no tempo”.
A comarca de Monterrei é a que alberga máis lagares rupestres en Galicia
No libro de Luís e Alejandro Paadín recóllese o traballo de localización, interpretación e revalorización de máis de 60 lagares rupestres en Galicia, sendo a comarca de Monterrei o que alberga a maior concentración deles -máis de 50 estruturas destas características-. O mesmo inclúe descrición de ditos lagares, mapas de localización, rutas ou situación de adegas, entre outras características.
“Este libro revaloriza o patrimonio cultural e polo tanto a paisaxe onde se elabora o viño de Monterrei, xa que aquí atopáronse lagares situados a 800 metros de altitude, así como outros onde cunha única prensada elaborábanse 4.000 litros”, asegurou Paadín.
Unha revalorización do patrimonio cultural que tamén destacou a presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, que agarda “permita sentar as bases para traballar de forma conxunta na identificación de novos lagares e sinalización dos mesmos, coa finalidade de converternos nun dos referentes do patrimonio arqueolóxico vitivinícola na Península Ibérica”.