“O mundo da madeira ten moita saída profesional”

Eva Rodríguez é unha rapaza do concello de Cervantes (Lugo) que cursou o pasado ano o Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural, en Becerreá, e que xa se incorporou laboralmente a unha empresa da madeira

Eva Rodríguez estudou o Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá. Ao rematar os estudos, fixo este verán prácticas nunha empresa da madeira de Baralla e xa se quedou a traballar alí. Falamos con ela para coñecer a súa experiencia nos estudos e nos primeiros meses de actividade laboral.

– Por que decidiches estudar o Ciclo Superior de Xestión Forestal?
– Sempre me tirou o ámbito forestal porque é unha maneira de continuar no rural, onde me gusta moito estar. De feito, non podería concibir unha vida exclusivamente na cidade e non me gustaría abandonar o entorno onde me criei. Cando me plantexei facer o curso foi porque realmente quería probar un posto que tivera relación co mundo forestal. Gustaríame moito traballar en incendios, pero a verdade é que véxome en calquera actividade forestal, menos con maquinaria pesada.

– Antes de decidirte por este camiño, barallaches outras opcións formativas?
– Estudei bacharelato e antes deste, estudei outro Ciclo de Laboratorio. A verdade, non é que non me gustara pero chamábame máis a atención o sector forestal, o agrario, e en definitiva, o campo. Cando comecei o Ciclo de Xestión Forestal tiña incertidume por saber como ía ser a saída profesional, pero teño que dicir que estou encantada. Desfrutei do ciclo e agora, a nivel profesional, vexo que hai múltiples saídas.

– Como foi a túa experiencia coas prácticas?
– Nun primeiro momento, as prácticas comeceinas no Distrito Forestal VII porque daquela compatibilizaba as prácticas con outro traballo temporal (camareira) e era un posto que me permitía compatibilizar ambas tarefas.

Sen embargo, aínda que o Distrito se me adaptaba máis en horarios, vin que non tiña moitas posibilidades de quedar a traballar alí, e foi cando me xurdiu a oportunidade de ir para Carronza, un serradoiro de Baralla. Falei con eles, pareceulles ben, e vin que había unha posibilidade de seguir neste sector, entón foi cando optei por isto. Se non fora por achegarme a esta empresa, pois mira, hoxe en día non estaría traballando onde estou.

– En canto á formación en prácticas na empresa, como foi a experiencia?
– Eu facía traballo de oficina pero tamén vía o resto de actividades que facía a empresa; vin o funcionamento do serradoiro, algunha vez tamén fun ver montes, plantacións ou mesmo cortas de madeira e extraccións. Paréceme moi importante ver como funciona todo porque aínda que esteas na oficina, tes que saber un pouco de todo, para ver como facer as cousas.

– A integración laboral da xente recén titulada non sempre é fácil. Como está sendo no teu caso e no das persoas que estudaron contigo?
– No meu caso foi bastante fácil, síntome bastante afortunada porque me contrataron segundo rematei as prácticas. Non tiven ningún tipo de problema, e a verdade é que dos meus compañeiros do Ciclo, a gran maioría que estudaron comigo están traballando tamén. Ademais, agora que estou traballando no sector, vexo que hai necesidade de máis profesionais.

– Consideras que as formacións relacionadas co forestal teñen boa acollida na xuventude?
– Percíbese quizais que a xente non se anima demasiado a vir para este sector, malia que hai saída laboral neste campo. Co ciclo que estudei, tes unha ampla gama de traballos aos que podes acceder, ao contrario do que moita xente pensa, que se estuda o ciclo de xestión forestal porque quere ir para incendios e ser capataz de brigada.

– Agora mesmo, en que consiste o teu posto de traballo?
– O meu posto de traballo actual é un posto de oficina. Levo todo o tema de cortas, permisos de corta, cadeas de custodia, certificación de madeira, trazabilidade, etc. Obviamente, ao estar en oficina, tamén fago cousas que non teñen que ver tanto co sector forestal pero dentro da oficina, todo o que se pode facer con madeira, fágoo eu.

– A nivel profesional, que orientacións futuras tes? En que che gustaría profesionalizarte?
– A verdade, en canto a orientacións futuras, gustaríame profesionalizarme un pouco neste ámbito e probar tamén traballos no monte, aínda que agora mesmo estou cómoda onde estou.
O que teño claro é que quero seguir aprendendo e se me quedo aquí, non me importaría para nada porque estou moi a gusto.

– Para rematar, que lle recomendarías a unha persoa moza que quixese traballar no sector forestal?
– O primeiro que lle recomendaría é formarse, e que se forme co título que sexa. É importante que teña en conta que isto é moi bonito e que non se peche ningunha porta porque o sector forestal é moi amplo. Se che gusta estar na cidade podes vivir na cidade e traballar nisto, e o mesmo pasa se che gusta o rural, podes traballar nisto igualmente.

Tamén lle diría que o mundo da madeira está moi ben e ten moita saída profesional, e de feito, eu creo que a xente debería tirar un pouco máis por isto.

O prazo de inscripción nos ciclos formativos péchase hoxe

Os ciclos formativos pechan hoxe, 23 de setembro, o seu segundo prazo de inscripción. No ámbito forestal, a maiores dos ciclos ofrecidos polos institutos de educación secundaria, hai unha serie de ciclos ofertados polos centros de formación e experimentación agraria, dependentes da Consellería do Medio Rural.

Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio natural, no cal, actualmente quedan prazas libres nos Centros de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá, Sergude (Boqueixón) e Pedro Murias (Ribadeo). Neste último caso, o ciclo ofértase na modalidade dual, con formación en empresas coas que previamente se establece un convenio de colaboración.

Ciclo Superior de xestión forestal e do medio natural (Centros de formación e Experimentación Agraria de Becerreá e Lourizán). Actualmente xa non quedan prazas libres.

Os Centros de Formación e Experimentación Forestal, dependentes da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Consellería do Medio Rural), levan preto de 50 anos formando profesionais no sector agrario galego, cunha formación eminentemente práctica e participativa. Son numerosos os proxectos de colaboración con empresas, universidades e centros de investigación. Destacan ademais polas altas tasas de inserción laboral e polos niveis logrados de autoemprego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información