Rías Baixas supera o ecuador da vendima con 34 millóns de quilos de uva recollidos

A totalidade das subzonas atópanse vendimiando, do mesmo xeito que o están a facer tamén o resto de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de viño de Galicia

Publicidade

vendimia Rias Baixas2

A estabilidade da meteoroloxía destes días está a permitir que a vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas sexa xa unha realidade no seu conxunto. Despois dunha semana con choivas que retardaron a recollida da uva, todas as adegas das cinco subzonas da denominación están inmersas na campaña 2022.

O director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, concreta que “debido ás inclemencias meteorolóxicas as adegas tiveron que empezar lentamente sempre mirando ao ceo, pero esta fin de semana xa se intensificaron os traballos. De momento recolléronse máis de 34 millóns de quilos de uva”.

O Departamento Técnico está en pleno funcionamento para controlar a orixe e a calidade das uvas que entran nas 178 adegas elaboradoras nesta campaña de vendima. Para iso conta con 23 veedores/auditores, que un ano máis ven reforzados co apoio dos funcionarios da Consellería do Medio Rural e do Plan de Control de Vendima, que desenvolve a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) como axuda ao traballo de auditoría e inspección que vén realizando o Consello Regulador.

A uva á súa entrada nas adegas ten un perfecto estado sanitario e un bo nivel de calidade

“A uva á súa entrada nas adegas ten un perfecto estado sanitario e un bo nivel de calidade”, indica Agustín Lago, quen asegura que “en referencia ás cifras de recollida do Informe de Estimación da Colleita 2022, presentado polo Órgano de Control e Certificación, aínda que é difícil de precisar, si se poderían alcanzar os 41,3 millóns de quilos de uva”.

As subzonas máis madrugadoras foron as do Condado do Tea e Ribeira do Ulla, esta última para elaborar viño base para espumoso. Neste momento, as adegas da denominación recollen as variedades brancas (levan 33.955.000 kg.) para logo dar paso ás tintas, das cales ata o de agora só se recolleron 45.000 kg.

Rías Baixas aumentou en 140 as hectáreas de viñedo nesta campaña

O director técnico lembra que, ao repartirse a superficie de viñedo en cinco subzonas, “a extraordinaria diversidade en termos microclimáticos fai que as condicións de maduración da uva, e por tanto a vendima, difira entre viñedos dependendo da proximidade á costa, a altitude, a orientación, a exposición, etc. e prolongue o período de vendima”.

Ano moi cálido e seco

O ciclo vitícola na campaña 2022 estivo caracterizado por un inverno moi cálido e seco; tamén por unha primavera moi cálida e moi seca. O mes de xuño foi normal e húmido, aínda que cunha gran variabilidade; e o verán, en xeral, foi moi seco, con ausencia de precipitacións.

A vendima na D.O. Rías Baixas faise a man. A uva deposítase en caixas de menos de 30 kg de plástico alimentario, perforadas, segundo as normas de vendima.

Na presente campaña hai178 adegas rexistradas. A superficie de viñedo desta Denominación de Orixe abarca 4.324 hectáreas, aumentando en 140 hectáreas, todas elas repartidas en 22.808 parcelas nas que traballan 5.016 viticultores.

Despois da primeira fin de semana de vendima oficial na D.O. Ribeira Sacra supérase o millón de quilos

Das 92 adegas que vendiman nesta campaña ao amparo da D.O. Ribeira Sacra, 54 están vendimando, 4 finalizaron a recollida e 34 aínda non comezaron. Tras a primeira fin de semana de vendima oficial entraron en adega 1.257.299 quilos de uva. As cantidades por variedades distribúense do seguinte modo:

Variedades tintas

  • Mencía 761.545quilos
  • Merenzao 41.002quilos
  • Brancellao 7.191 quilos
  • Caíño tinto 12.405quilos
  • Garnacha 16.847quilos
  • Mouratón 2.384quilos
  • Tempranillo 501quilos

  Variedades brancas

  • Godello 334.447quilos
  • Albariño 49.150quilos
  • Treixadura 20.852quilos
  • Dona Branca 3.632quilos
  • Branco Lexítimo 278 quilos
  • Torrontés 1.163quilos
  • Loureira 935quilos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información