O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, co presidente da Sociedad Mercantil Estatal de Infraestructuras Agrarias-Seiasa, Francisco Rodríguez, e cos representantes das comunidades de regantes da comarca ourensá da Limia, para abordar os trámites necesarios para a execución dos 42 novos pozos de sondaxe de auga previstos.
O conselleiro sinalou que o inicio destas obras está unicamente pendente das preceptivas autorizacións por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, polo que reiterou a petición ao Goberno do Estado para que axilice os trámites necesarios. Estas actuacións enmárcanse no investimento de arredor de 36 millóns de euros que está previsto levar a cabo por parte da Xunta e o Estado na bisbarra.
Destas achegas, preto de 16 millóns servirán para modernizar o regadío, outros case catro millóns serán para a construción dos devanditos 42 pozos, e os 16 restantes foron xestionados pola Consellería perante o Estado, de forma adicional, para a limpeza das canles e dos camiños paralelos, un investimento que González agarda que se faga efectivo, de acordo co compromiso amosado polo Ministerio de Agricultura.
Neste acto o conselleiro aproveitou para reclamar ao Goberno do Estado “medidas extraordinarias ante situacións extraordinarias”, como é a invasión rusa de Ucraína, para afrontar o incremento desmesurado dos custos de produción no sector primario en xeral, e no gandeiro en particular. Así mesmo, José González engadiu que “cómpre a adopción de actuacións urxentes e coordinadas coas comunidades autónomas, a nivel nacional, para garantir a sustentabilidade do sector agroalimentario”.