Curso en Lalín de iniciación á análise sensorial dos queixos galegos con DOP

A acción ten previsto desenvolverse en horario de tarde os días 20 e 22 de setembro nas instalacións da queixería Hoxe

Curso en Lalín de iniciación á análise sensorial dos queixos galegos con DOP

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto organizar un curso de formación complementaria á iniciación da análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida (DOP). A acción formativa está programada para os días 20 e 22 de setembro nas instalacións da queixería Hoxe (parroquia da Borralla), en horario de 16:00 a 21:00 horas.

O obxectivo principal deste curso é continuar coa formación na análise sensorial dos queixos galegos con DOP, polo que se dirixe especialmente a todos aqueles que asistiron á formación inicial ao respecto ou que xa teñen nocións no eido.

De tódolos xeitos, o curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Así, ao longo das 10 horas de formación, a acción combinará unha parte teórica cunha práctica. Na parte teórica abordaranse temas como a identificación das características ou das calidades dos sabores, aromas e regustos dos queixos. Mentres, na parte práctica aplicaranse os coñecementos previamente adquiridos ensinando aos alumnos a recoñecer os queixos segundo as distintas características específicas de cada unha das variedades.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Nesta páxina precisamente pode atoparse o referido curso de Lalín e descargar as solicitudes de asistencia pertinentes, que deben enviarse cubertas ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en consultar calquera dúbida poden informarse chamando ao teléfono 881 997 279.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información