O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), e da adega Mar de Frades acaban de iniciar un estudo agronómico con variedades exclusivas. O primeiro paso foi plantar 3 variedades brancas (Brancellao Branco, Branca Descoñecida 1 e Branca Descoñecida 2) nun dos viñedos propiedade da adega na zona do Salnés.
A proposta busca explorar o potencial destas variedades para elaborar novos viños brancos de calidade, diferentes e orixinais. Estas variedades non se cultivarán en ningún outro lugar do mundo e tampouco contan con estudos agronómicos previos. Trátase de tres variedades que forman parte do centenar de accesións da colección da Misión Biolóxica de Galicia.
No acto participaron o delegado institucional en Galicia do CSIC, Antonio De Ron Pedreira, a xefa do grupo de Viticultura da MBG, Carmen Martínez Rodríguez e o resto de integrantes do grupo. Mentres que, por parte de Mar de Frades participou Paula Fandiño, enóloga e directora técnica da adega.
“Tras máis de 30 anos de estudos de localización, recuperación, descrición e conservación de variedades de vide existentes en Galicia e Asturias, dispomos de máis de 50 xenotipos na nosa colección da MBG. Destas, tres variedades brancas e algunhas outras non existen en ningún lugar do mundo e poderían ter potencial para elaborar viños de calidade, segundo datos científicos previos”, explica Carmen Martínez Rodríguez, xefa do Grupo de Viticultura.
“Como adega, temos interese en experimentar con estas variedades. A pesar da diversidade xenética existente no mundo vitícola, úsase un número moi reducido. De feito, unhas 10 variedades ocupan máis da metade da superficie vitícola mundial. É importante por iso reactivar o interese polas minoritarias”, apunta Paula Fandiño, enóloga e directora técnica da adega.
Seguimento de cada variedade
A investigación tamén abarcará a variedade Godello que Mar de Frades ten plantada e xa en produción nas súas parcelas e que será utilizada como testemuña de comparación xunto co Albariño. En total, enxertaranse unhas 1.000 plantas das tres variedades e o Godello e 50 de Albariño. As plantas serán monitorizadas, de forma que os datos se asignarán de maneira individualizada.
Durante as tres anualidades, o persoal do CSIC e da adega Mar de Frades probarán diferentes manexos de cultivo. Tamén avaliarán unha serie de parámetros agronómicos e de sensibilidade a enfermidades fúnxicas, o que permitirá dispor de indicacións sobre o potencial destas variedades en función das condicións climáticas e outros aspectos. Realizarase, polo tanto, un seguimento completo de cada variedade desde o mesmo inicio da plantación e probaranse en ensaios con diferentes sistemas de condución, poda e marcos de plantación.
Esta actuación é unha das accións prioritarias no marco do proxecto “Potencial vitivinícola para Galicia de tres xenotipos brancos inexplorados. Optimización do cultivo da variedade Godello na Denominación de Orixe Rías Baixas e valoración de novas técnicas de vinificación”, dirixido polo CSIC a través do Grupo de Viticultura da MBG, que recibiu financiamento por parte do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI). O proxecto iniciouse en 2019 e concluirá en 2022.