A Xunta quere seleccionar vacas rubia galega cunha maior aptitude leiteira

Pretende recuperar a liña materna da raza con animais válidos para un doble propósito, de maneira que ademais da produción de carne, o seu leite poida ser empregado na elaboración de queixos con denominación de orixe

O conselleiro de Medio Rural, José González, este sábado nunha explotación de rubia galega na Peroxa

O conselleiro de Medio Rural, José González, este sábado nunha explotación de rubia galega na Peroxa

A Xunta impulsará un proxecto de recuperación da liña materna da raza de vacún rubia galega para a elaboración de queixos con selo de calidade. Así o anunciou o conselleiro do Medio Rural, José González, na visita a unha explotación do concello ourensán da Peroxa, onde mantivo un encontro con gandeiros acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.

Dotada con 250.000 euros, a iniciativa implica tanto ao CIAM como á sociedade Xenética Fontao, xa que no estudo se supervisarán os marcadores e valores xenéticos dos animais que hai en Mabegondo

En concreto, este proxecto de I+D+i ten como finalidade seleccionar un grupo de exemplares de rubia galega do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) para recuperar a aptitude maternal das vacas desta raza, avaliando o potencial do leite para a elaboración de queixos con selo de calidade e ampliando o período de lactación dos becerros.

Así, responderase aos intereses demandados tanto polo sector transformador das denominacións de orixe dos queixos galegos como pola Asociación de criadores de raza Rubia Galega (Acruga), a IXP Ternera Gallega e os gandeiros.

Fomentar o consumo a través da ‘Estratexia da carne’

Na súa intervención, José González avanzou que proximamente se iniciará a Estratexia da carne, que contemplará un amplo programa de iniciativas pensadas para impulsar este sector primordial do noso agro, incentivando aos produtores e fomentando o consumo de carne.

Seguirase a liña do xa feito noutros eidos, como o lácteo, sinalou, no que se está levando a cabo dentro da Estratexia para a dinamización do sector lácteo galego formación especializada que persegue profesionalizar aos gandeiros para que poidan mellorar os seus produtos e, en consecuencia, incrementar a súa rendibilidade. Tamén se está a levar a cabo a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, na que se están sumando sinerxías para reforzar os vínculos entre o territorio, a paisaxe, o turismo e a propia cultura vitícola.

Impacto da Covid no vacún de carne

O sector do vacún de carne foi un dos máis prexudicados pola caída de demanda e de prezos provocada polo peche e as restricións da hostalaría por mor do coronavirus. A Xunta de Galicia puxo en marcha o pasado ano unha liña de axudas específicas para paliar as perdas do sector.

O conselleiro de Medio Rural lembrou que o ano pasado un total de 4.621 produtores de gando vacún recibiron preto de 7 millóns de euros en axudas directas do Goberno galego para sufragar parte das perdas derivadas da covid-19, resultando entre as beneficiarias a explotación visitada na Peroxa.

Sen embargo, semella que foron unhas axudas puntuais e que a Xunta non ten intención de volver repetilas este ano, malia que os prezos non foron capaces de recuperarse e seguen aínda moi baixos con respecto aos habituais outros anos para esta época na que se achega o verán. Con todo, José González quixo poñer de relevo que a Xunta sempre estivo ao carón do sector primario, que se demostrou esencial durante a pandemia.

José González destacou que o ano pasado repartíronse preto de 7 millóns de euros entre 4.621 explotacións de vacún de carne para compensar as perdas pola covid-19, pero non aclarou se este ano volverá haber axudas directas

Así mesmo, aludiu á rede Mercaproximidade, creada para darlles saída aos seus produtos durante a pandemia, e que continúa activa ofrecéndolles aos gandeiros de vacún, entre outros produtores, a posibilidade de vender os seus produtos nas principais cadeas de distribución que operan en Galicia.

Do mesmo xeito, as súas producións foron incluídas nas compras solidarias efectuadas pola Xunta para cederlles a bancos de alimentos, cociñas económicas ou hospitais, como outro xeito importante de dar solucións ao sector agrario e agroalimentario da nosa comunidade, ao tempo que se axuda aos colectivos máis vulnerables.

José González concluíu referíndose ás medidas da Xunta a prol das razas autóctonas como a rubia galega. Nesa dirección, este ano repartíronse 200.000 euros para promover a conservación das razas autóctonas galegas, apostando pola súa protección e defensa, aos que hai que sumar outros 600.000 euros distribuídos para apoiar o funcionamento dos consellos reguladores de produtos de calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información